Denuncian que o hospital de Burela estará sen servizo de Cardioloxía do 28 de novembro ó 13 de xaneiro

La Voz BURELA / LA VOZ

A MARIÑA

Imaxe de arquivo do Hospital Público da Mariña, en Burela
Imaxe de arquivo do Hospital Público da Mariña, en Burela PEPA LOSADA

CIG-Saúde critica que leve oito meses habendo un único profesional para atender a 72.000 pacientes

30 oct 2024 . Actualizado a las 15:51 h.

A CIG-Saúde denuncia que no Hospital Público da Mariña, en Burela, hai desde hai oito meses un único cardiólogo para atender a 72.000 pacientes. A central sinala que o 16 de febreiro deste ano denunciou que no hospital mariñán só quedaba un especialista en cardioloxía, cando o centro está dotado con tres prazas. Afirma que, a punto de comezar o mes de novembro, «a situación non so non mudou, se non que camiña cara a morte do servizo»; e culpa desta perda de calidade do servizo ó que cualifica de «pasividade do xerente da área e pésima xestión da dirección» do hospital. «A semana pasada, a comarca da Mariña quedaba tres días sen cardiólogo (23, 24 e 25) e fomos coñecedores de que está anunciado o peche do servizo a partir do 28 de novembro e ata cando menos o 13 de xaneiro por ausencia do único especialista que soporta a demanda cardiolóxica na Mariña», asegura a CIG. Engade que esa situación «de abandono absoluto» está provocando ingresos de pacientes da Mariña en Lugo, a máis de cen quilómetros, coas dificultades que conleva para eles e os seus familiares.  

CIG-Saúde explica que «cun só un cardiólogo é imposible atender a consulta diaria, os ingresos na planta, facer as probas cardiolóxicas e atender urxencias». Manifesta que o hospital da Mariña non asume xa ingresos de pacientes de cardioloxía, e que os que precisan de ingreso son trasladados ó Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), onde chegan sen cama asignada, tendo que acudir por Urxencias. «Os pacientes cun episodio cardiovascular agudo que acoden a Hemodinámica do HULA por precisar dun cateterismo, non volven para o Hospital da Mariña quedando ingresados en Lugo por falta de especialistas na Mariña, polo que Cardioloxía da Mariña queda limitada a atender a consulta e facer probas cardiolóxicas», sostén.

A central detalla que calquera paciente que entre por urxencias e precise de probas cardiolóxicas é citado para a realización das mesmas no HULA, o que demora a súa diagnose. Algo que incide ademais no aumento das listas de agarda, tanto para a realización de probas, como de primeiras consultas ou revisións. 

Única ambulancia medicalizada

Ademais, segundo denuncia, a única ambulancia medicalizada que hai na comarca (con base en Foz) está asumindo os traslados dos pacientes de cardioloxía ao HULA, deixando á Mariña sen a única ambulancia que permite prestar asistencia sanitaria in situ a pacientes críticos, no menor tempo posible, con persoal especializado e cos elementos necesarios para a realización de manobras de soporte vital avanzado.

«Cansáronse de dicir que pasar a depender de Lugo ía traernos máis e mellores servizos e o tempo danos a razón», sentenza dende a central nacionalista. «Este é o froito das políticas sanitarias do Partido Popular polas cales nos atopamos con menos e peores servizos, máis derivacións e ingresos no HULA de pacientes da Mariña, máis listas de agarda e a imposibilidade de garantir una sanidade digna e de proximidade que releva aos mariñaos e mariñás a pacientes de segunda categoría», sinalan.

Resposta do Sergas

Antes as críticas da CIG sobre a situación do servizo de Cardioloxía do Hospital Público de A Mariña, desde a Xerencia da área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos insisten en que «todos os pacientes deste distrito sanitario que precisan recibir atención cardiolóxica están a ser atendidos en tempo e forma, como non podía ser doutra forma. O Sergas garante unha asistencia de calidade a todos os usuarios da Mariña poñendo á súa disposición todos os recursos asistenciais da Area Sanitaria que sexan necesarios para atender aos pacientes de A Mariña». «Malia este tipo de informacións, que non pretenden máis que xerar malestar e desconfianza entre a poboación desta área, a xerencia reitera que se está a prestar toda a atención que precisan e que se está a facer absolutamente todo o posible para cubrir as prazas que neste momento están vacantes neste centro hospitalaria», continúan as mesmas fontes. 

E detallan que o Hospital Público da Mariña conta con tres prazas de Cardioloxía. «Un dos cardiólogos xubilouse e a súa praza foi inmediatamente ofertada como contrato continuo. Malia iso ningún profesional a asumiu polo momento. A outra praza está ocupada por un especialista que a obtivo en propiedade na última oposición e que solicitou un permiso, ao que ten dereito como calquera outro traballador», sinalan.

«Insistimos en que ante esta situación a área sanitaria está a tomar todas as medidas posibles tendentes a cubrir a praza vacante e poñendo, mentras tanto, todos os recursos da área á disposición deste centro hospitalario, dando reforzo a este servizo de cardioloxía e ao profesional en activo. Desde logo, dende a área sanitaria séguense a facer todos os esforzos posibles por cubrir estas prazas tan pronto como sexa , de aí que se a CIG sabe dalgún cardiólogo dispoñible para poder contratar, agradecémoslle a súa colaboración facendoo saber e así contratalo de forma inmediata» conclúen.