O asilo de Foz: volta a empezar de cero

Plataforma de afectados pola suba abusiva de tarifas na Residencia e Centro de Dia de Foz

A MARIÑA

XAIME RAMALLAL

29 sep 2024 . Actualizado a las 10:23 h.

Despois do acontecido no pleno do pasado xoves, os integrantes de esta Plataforma queremos manifestar o noso máis expresivo agradecemento ós membros dos grupos municipais do BNG e do PP de Foz. Ambos escoitaron, e o que é máis importante, actuaron en consecuencia ante as nosas xustas e fundamentadas reivindicacións: feitos concretos en contraste cos actos circenses os que nos teñen acostumados outros, algo que estamos seguros o pobo de Foz saberá valorar e recompensar no seu debido momento.

As súas extensas argumentacións de voto ? acompañadas do informe elaborado por D. Carlos Aymerich, reputado xurista que se encontra entre os maiores especialistas de Galicia en materia de contratación pública ? viñeron a demostrar que a problemática que denunciamos dende a nosa Plataforma é real, e que as solucións que expuxemos para a mesma axustábanse estritamente a legalidade.

Nada nos houbera gustado máis que facer extensible a nosa gratitude os concelleiros o PSdG-PSOE. Lamentablemente isto non é posible pois, por razóns que non podemos comprender, decidiron secundar ata o final a actitude insensible e irrespectuosa que veñen mostrando o alcalde, a tenente de alcalde e a concelleira de asuntos sociais os cales, sen ningún disimulo, concentran todos os seus esforzos en salvagardar unicamente os intereses da que ía ser a nova concesionaria, aínda cando iso implique graves e evidentes prexuízos para a cidadanía. Dificilmente poderá atopar esta empresa avogados que a representen con máis eficacia e vehemencia.

De habernos escoitado a nós, ós seus presuntos socios de goberno e á oposición, non habería que recorrer a drástica medida adoptada no pleno do xoves de ter que volver a empezar dende cero coa licitación. Era tan fácil como ter modificado a ordenanza de axudas de emerxencia social, como mil e unha veces lle pedimos. Algo que, como vimos denunciando, sempre nos negou e que, para sorpresa de algúns, no pleno do xoves quedou patente que non só era posible senón tamén recomendable. Preferiron o camiño da soberbia, da mentira e da confrontación que agora vai supoñer un elevado coste para as arcas municipais, pois o Concello deberá seguir pagando a actual concesionaria entre 20.000 e 30.000 euros mensuais namentres non se conclúa o novo concurso. E todo isto sen esquecer que é máis que probable que todo o asunto acabe nos tribunais, un escenario no que nos queda por ver de que lado se porá o alcalde e o seu grupo, do do pobo de Foz ou da empresa dos seus desvelos.

Usuarios e familias pasamos uns meses de terrible angustia e incerteza pero, por fin, hoxe podemos respirar aliviados, aínda que o noso sexa un alivio relativo e momentáneo. E dicimos que é relativo porque quedamos abraiados e moi preocupados coa noticia de que o Concello débelle a empresa que agora presta o servicio as facturas nada máis e nada menos que de cinco meses, co que está a incumprir un acordo adoptado nun pleno de xaneiro de 2.023. Para calquera son evidentes ? menos, parece ser, para o alcalde, a tenente de alcalde e a concelleira de asuntos sociais ? as consecuencias inminentes que isto vai a ter para os traballadores, para os provedores radicados no noso pobo, e tamén para os usuarios cando a empresa se vexa de todo incapacitada para manter a súa actividade normal gracias a morosidade de unha administración pública.

E tamén momentáneo, por que a renuncia ó actual proceso de licitación implica, como xa dixemos, que o Concello deberá iniciar un novo dende o principio. Por isto, anunciamos que permaneceremos constituídos como Plataforma co obxecto de manternos vixiantes respecto o novo concurso, no que esperamos que, para non incorrer en errores pasados, esta vez si, o alcalde cambie a súa actitude, optando pola vía do consenso e da negociación, tendo a ben manternos puntual e realmente informados de cada unha das súas fases e facernos parte activa do proceso.