Caxoto, contacontos: «Agora xa sei que quero ser de maior»

y. garcía CERVO / LA VOZ

A MARIÑA

CEDIDA

O cervense, afincado en A Coruña, cumpre 20 anos de oficio e celebra o éxito do primeiro libro «Avoa, neto e burro»

20 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Na película El curioso caso de Benjamin Button, o protagonista (Brad Pitt no papel) non envellece. Tras anos e anos como testemuña directa, case podería asegurar que lle pasa algo semellante a Felipe Díaz. Cervense de Viladesuso. Xeneración X, de 1979. Coñecido por todos como Caxoto. O alcume da súa estirpe. Creo que alomenos a súa fisonomía apenas mudou en 20 anos, inspirando agora o logo co que conmemora esas dúas décadas «vivindo do conto». Literalmente. Nesta nova etapa, ademáis, estréase como escritor e, sen pretender indicar que o éxito sexa o asociado ao novato, o seu primeiro libro Avoa, neto e burro está esta semana na lista dos máis vendidos en galego. Nin máis nin menos. Mentras, Caxoto planifica novos destinos para o seu oficio de contador; viaxa o venres a Jumilla. «Quero dicir que do conto tamén se vive e que estou contento. Creo que o pintan máis duro do que é, o que pasa é que é cuestión de estar concienzudamente traballando durante anos», enfatiza Caxoto.

—Se un di que vai ser médico, como que se «valora» máis, non?

—Si que é certo que parece que hai traballos que ‘non os queres’ para os teus fillos e fillas, pero ao final todos son camiños que hai que andar e que, se os andas ben, te levan a bo porto.

—No seu círculo íntimo e familiar como o toman, tendo irmáns que se dedicaron a outros oficios máis pragmáticos ou «serios»?

—Levo 20 anos contando contos e non hai tanto, como un ano, ainda presionaban na casa para facer oposicións (son mestre de formación). Ainda non o vían claro...

—Que balance fai?

—Para min foi moi satisfactorio. É un traballo que tampouco o tiña moito en conta ao principio, pois era un complemento. Dende o momento en que decidín dedicarme a isto, pouco despois da crise de 2008 e xa que no que eu traballaba a cousa estaba máis complicada, no mundo do conto funme mantendo na liña e a verdade é que estou moi contento. Foi unha gran decisión. Agora xa sei o que quero ser de maior: quero ser contador de contos.

«No mundo do conto funme mantendo na liña e a verdade é que estou moi contento. Foi unha gran decisión»

—Xa teño o titular! Dá a impresión que nunca deixou de ser neno...

—Pola miña forma de ser e pola familia. Sempre fomos de facer paiasadas... Ao final, vén todo daí, da raíz, da casa, e son quen son tamén grazas en boa medida a meus irmáns. Somos divertidos e de graciosadas, de estar sempre reinventando as cousas. Tamén iso é parte da formación. Cada contacontos tamén vai pillando do que tén na súa vida, ao seu arredor e do que anda buscando. Eu fun dar coa miña vocación.

—Fala da súa familia, que é boa fonte de anécdotas. Aquí, publicamente, convídoo a contar unha.

—[Sorrí] Si, si. Os tres irmáns fomos un quebradeiro de cabeza para os nosos pais. Na nosa casa cando rompías o pantalón e facías unha ferida, chorabas polo pantalón, non pola ferida. Sempre tivemos inventiva para ir acondicionando as historias e para que non nos caese unha bronca ou un castigo. Por exemplo, meu irmán mediano caeu trepando a unha árbore...

—A un eucalipto sendo precisos.

—Si. A gracia daquela era subirse ata a punta do eucalipto e cando estaba doblando facía como unha catapulta pero chegabas ao chan. Houbo un que non quixo doblar e el caeu dende o alto. Chegou á casa cunha vértebra fastidiada e unha perna medio rota dicindo que esvarara e que caera no monte... fortuitamente. Todo era unha reelaboración da verdade. Despois, fixen un camiño que tiven que facer e decidín contar dende a miña verdade. Unha cousa é contar unha verdade de maneira distinta e outra cousa contar unha mentira. Eu procuro que haxa moita verdade ou que case todo sexa verdade no que conto. Si que nos primeiros tempos, cando nos enfrontábamos á disciplina paternal, había que reinventar un pouco as cousas que pasaban ao noso arredor.

«Para min foi máis longo o proceso de aprender a contar para adultos que a contar para nenos»

—Publica o seu primeiro libro, con ilustracións de Cinta Arribas tamén.

—Foi todo agora, coa celebración destes 20 anos. En 2023 púxenme algúns retos e un deles era publicar un conto. A verdade é que ao longo deste tempo fun creando contos que ía contando, vendo que quedaban ben, tiñan boa resposta e gustaban. Foi collelos, pasalos a texto, mandeinos a un par de editoriais e houbo unha que se interesou por este.

—Ao longo da vida aprendeu que os contos non son só para nenos, tamén para adultos.

—Xa sabía que os contos eran para todo o mundo, pero como era mestre e monitor de tempo libre, o infantil era o público co que eu sentía que podía facelo mellor. O paso de contar a adultos foi algo que quixen facer, pero durante moito tempo non me atrevía pois sentía que andaba en areas movidizas... Para min, foi máis longo o proceso de aprender a contar para adultos que aprender a contar para nenos. Normalmente, á xente que empezamos contando para infantil cóstanos moito pasar ao adulto. E viceversa. Dende que estás seguro nun terreo, volver a poñerte na testitura de fallar, non saber, non dominar o espazo ou o contexto, xenera moita inseguridade.

«O paso de contar a adultos foi algo que quixen facer, pero durante moito tempo non me atrevía pois sentía que andaba en areas movidizas»

—Algunha anécdota infantil?

—Como momento divertido, de ter que parar de contar un conto, esta. Estaba nun colexio para público infantil contando un conto no que falaba das cores en plan ‘era vermello coma...’ e eles tiñan que dicir cousas vermellas. Cando dixen rosa, un neno levantou a man todo decidido e dixo: ‘As centrales nucleares rosas’.