A Escola Oficial de Idiomas de Viveiro inaugura este mércores a súa biblioteca

La Voz VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

En imaxe de arquivo, acto no que a Escola Oficial de Idiomas de Viveiro recibiu o nome de Luz Pozo Garza
En imaxe de arquivo, acto no que a Escola Oficial de Idiomas de Viveiro recibiu o nome de Luz Pozo Garza XAIME RAMALLAL

A autora Irene Rega Jul, gañadora do cuarto Premio Vilar Ponte de Novela, falará da súa obra «Tecendo redes»

21 may 2024 . Actualizado a las 19:12 h.

A Escola Oficial de Idiomas de Viveiro Luz Pozo Garza inaugurará este mércores, 22 de maio ás 19.40 horas, a súa biblioteca. Na celebración participará a autora mariñá Irene Rega Jul, que falará da obra Tecendo redes, que lle valeu o cuarto Premio Vilar Ponte de Novela no ano 2022.

«A cita representa un momento especial para a nosa comunidade educativa, xa que as bibliotecas son moito máis que lugares onde se gardan libros; son centros vitais que fomentan o coñecemento, a inclusión, a creatividade e a cohesión social, beneficiando a toda a comunidade de múltiples formas. Este novo espazo, creado con moito cariño por parte do equipo da biblioteca e que ten unha base creada por equipos anteriores, susténtase grazas á importante contribución da dirección da escola, que apoiou a iniciativa desde o seu inicio», subliña a profesora Ana Díaz Portela, do departamento de Francés.

Diferentes seccións

A nova biblioteca conta con seccións dedicadas a temas tan diversos como a cociña, a ecoloxía, a banda deseñada ou o feminismo, reflectindo a variedade de intereses e perspectivas da nosa comunidade educativa. Os libros están organizados por niveis e idiomas, facilitando o acceso ó material axeitado para cada estudante.

Tamén inclúe novos espazos para revistas e xogos, unha zona de lectura informal onde os alumnos se poderán relaxar e gozar dun bo libro, e equipos informáticos con acceso a Internet mediante rede wifi. Tamén hai un buzón de suxerencias para atender as inquedanzas e propostas dos estudantes.