Seiscentos alumnos de 18 centros participarán nos Xogos Olímpicos da Mariña o mércores 17

Lucía Rey
Lucía Rey VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

En imaxe de arquivo, xornada de promoción do atletismo celebrada en Viveiro
En imaxe de arquivo, xornada de promoción do atletismo celebrada en Viveiro PEPA LOSADA

Profesores de Educación Física organizarán a cita en Ribadeo

15 abr 2024 . Actualizado a las 17:46 h.

Con motivo do Día da Educación Física na Rúa, seiscentos alumnos de 18 centros de educación primaria e secundaria de toda A Mariña participarán o próximo mércores, 17 de abril, nos Xogos Olímpicos que promove o Seminario de profesores de Educación Física (Sef) da comarca. Nesta ocasión, a cita terá lugar en Ribadeo e desenvolverase entre as 10.00 e as 14.00 horas na Avenida de Luarca e na Rúa Alfredo Deaño, ademais de nos dous pavillóns municipais, os patios e instalacións do IES Dionisio Gamallo e do CEIP Gregorio Sanz, e o campo municipal de fútbol Pepe Barrera.

Segundo expoñen desde a organización, os participantes irán rotando por distintas zonas. Deste xeito, haberá estacións de hockey, atletismo (modalidades de vallas, relevos, lanzamentos e velocidade), balonmán, baloncesto, skate, judo, bádminton, voleibol, rugbi, remo, tenis de mesa, golf e tenis. Este ano, o Sef conta coa axuda de distintos clubs e asociacións deportivas, como o Club de Hóckey Isla Pancha, o Club Atletismo Ribadeo, o Club Balonmán Ribadeo, o Club Baloncesto Ría de Ribadeo, a Escola de Ximnasia Porta Norte, o Club de Bádminton Vegadeo, o Club de Voleibol San Ciprián, o Club de Rugby Asterix A Chabola de Viveiro, o Club de Atletismo San Ciprián, o Club de Remo de Ribadeo, o Club de Tenis de Mesa de Ribadeo, o Castropol Golf e Holaola Surf Escola.

A actividade conta co financiamento do proxecto Xogade, da Xunta de Galicia, que subvenciona os desprazamentos do alumnado. O Concello ribadense colabora coa cesión dos espazos e axudando coas tarefas organizativas a través dos servizos de Policía Local e Protección Civil. Ese día estarán cortadas ó tráfico a Avenida de Luarca e a rúa Alfredo Deaño. Ademais, o Colef (Colexio Oficial de Licenciados en Educación Física) terá instalada unha carpa para cada unha das estacións. Os promotores invitan a toda a comunidade a achegarse.