Este fin de semana regresa as festas de San Isidoro con «récord de participantes»
A MARIÑA

Dende a organización afirman que non houbo tantos inscritos tanto para os bailes como para a xuntanza cabalar.
07 abr 2024 . Actualizado a las 13:42 h.Outro ano máis, A comisión de Festas de Monte, formada polos membros da Asociación Cruz de Loureiro de San Isidoro de Monte, organiza as festas patronais da parroquia en honra a San Isidoro os vindeiros 6 e 7 de abril, sábado e domingo respectivamente.
«Leva moito traballo porque é unha parroquia moi despoboada. A festa organízaa económicamente o Concello e as empresas que colaboran, porque aquí non temos casi nada. Incluso os veciños da parroquia veñen con invitacións das comunidades de montes», explica Antonio Paleo, presidente da Asociación Cruz de Loureiro.
Paleo xa leva 20 anos ao frente da festa pero en intervalos diferentes. Primeiro estivo 6 anos e agora leva 14 anos seguidos coa Asociación. A Festa de San Isidoro, entre medias, estivo 40 anos sen celebrarse xa que anteriormente non se facía a festa.
Dende a organización explican que cada ano que pasa vén máis xente. Para esta edición non contan con ningunha novidade pero contan con romper récords de afluencia. «Hai en torno a 150 persoas anotadas para a xuntanza cabalar e unhas 300 para os concursos de baile, tanto de paso dobre coma de bachata e aínda non acabou o prazo de inscripción», relata Paleo.
Programa da Festa de San Isidoro
O sábado 6 de abril comezará a celebración cunha misa solemne na Igrexa Parroquial e cunha procesión en Honra a San Isidoro, a partir das 13 horas. Posteriormente, ás 14 horas, terá lugar unha sesión vermú co Dúo Belinda e unha hora máis tarde, será o xantar nunha carpa totalmente pechada. Para rematar o día, ás 17 horas, habrá verbena con Dúo Belinda e Grupo Fénix, onde se entregará tres trofeos para as tres mellores parexas de pasodoble, e un trofeo para a mellor parexa de bachata.
E o domingo 7 de abril, ás 10 horas, terá lugar a xuntanza cabalar e o Paseo Sendeirismo, que pode ser a pé ou a cabalo) que está organizada tamén pola Asociación Cruz de Loureiro. Máis tarde ás 14 horas, será a sesión vermú cunha actuación estelar e ás 17 horas, despois de xantar, finalizará o día cun baile e verbena con actuación estelar.
Para anotarse, tanto ao xantar como para participar nos concursos de baile e na xuntanza cabalar e o paseo sendeirismo hai que chamar ao seguinte número de teléfono: 646 647 619. En canto a ruta en cabalo, a organización explica que cada xinete participante será responsable dos desperfectos ou danos que poida producir xunto co seu cabalo tanto a bens coma a persoas, incluídos os danos a sí mesmos e ao seu cabalo.