Viveiro adxudica por 680.000 euros a obra para reformar a rúa do Porto de Celeiro

La Voz VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

Vista área, en primeiro plano, da Rúa do Porto, en Celeiro, que será humanizada polo Concello de Viveiro coa axuda da Deputación
Vista área, en primeiro plano, da Rúa do Porto, en Celeiro, que será humanizada polo Concello de Viveiro coa axuda da Deputación CEDIDA

A actuación humanizará unha das zonas máis transitadas do porto viveirense

03 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Viveiro adxudicou as obras para a humanización da rúa do Porto do Celeiro, unha transformación integral que comezará nas próximas datas e inclúe a pavimentación e renovación de todos os servizos da rúa. A empresa adxudicataria é Xestión Ambiental de Contratas.

Segundo sinala a alcaldesa, María Loureiro, a Deputación de Lugo achegará unha partida de 544.563,82 euros, mentres que o concello achegará 136.140,96 euros. O orzamento total da citada actuación é de 680.704,78 euros.

Trátase dun proxecto que abrangue unha zona moi ampla no cruce formado pola rúa Lavandeiras, a LU-P-6612 e a rúa do Porto de Celeiro, acceso principal de vehículos e peóns á fachada marítima de Celeiro.

O proxecto contempla o movemento de terras e demolicións; pavimentación de beirarrúas e zonas de aparcadoiro; a reposición da rede de saneamento, pluviais, abastecemento e alumeado público; así como a canalización da electricidade, as telecomunicacións, a dotación de xardinería, mobiliario urbano e sinalización horizontal e vertical da zona.

«É unha obra imprescindible para mellorar a mobilidade e a accesibilidade dos veciños e veciñas de Celeiro. Mantendo o espírito e a esencia mariñeira tan característica da zona, levaremos a cabo unha renovación integral dunha das áreas máis dinámicas do concello, renovando os seus servizos e cumprindo as demandas veciñais», engadiu María Loureiro.