Ana Pontón pon a Ribadeo como «exemplo de modelo municipal do BNG»

La Voz

A MARIÑA

CEDIDA

A portavoz nacionalista respaldou a Pablo Vizoso este xoves e antes en Viveiro a Míriam Bermúdez

24 may 2023 . Actualizado a las 19:56 h.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, acompañou onte ao candidato á alcaldía de Ribadeo, Pablo Vizoso, nun percorrido pola centro da vila convertida «en exemplo do modelo municipal de éxito do BNG, cun urbanismo de calidade que pon ás persoas no centro e cunha aposta clara polo tecido económico local, moi en particular cun comercio de proximidade que dinamiza, crea riqueza e emprego e revitaliza socialmente os concellos», sinalou Pontón.

«En Ribadeo -engadiu- vemos perfectamente en que consiste o modelo municipal do BNG, que funciona, sinónimo de prestixio, de calidade de vida, de transformación en positivo, un modelo que dinamiza vilas e cidades, no económico, no social, no cultural, e por iso quero facer un chamamento á mobilización, a participación e a sumar no BNG o voto de todas as persoas que queren construír os seus concellos en grande».

Vizoso destacou que Ribadeo «viviu e vive un grande avance grazas á xestión eficaz do BNG á fronte dos gobernos no Concello, o que nos sitúa como un referente en todos os ámbitos no comercio de proximidade e de calidade, na actividade turística, na atención social a maiores e na mellora urbana».

Previamente, Ana Pontón estivo en Viveiro á primeira hora da mañá acompañando á candidata a alcaldía, Miriam Bermúdez, nun encontro con representantes do tecido económico local. Nese concello destacou que o BNG tamén quere trasladar «o modelo municipal de concellos que avanzan, que progresan, que conquistan un futuro mellor, así que a todos os veciños e veciñas de Viveiro que queren un concello dinámico no económico, no social e no cultural teñen a súa alternativa este 28M na candidatura que encabeza Miriam Bermúdez».