O testamento do mariscal Pardo de Cela chegará a centros educativos e bibliotecas

La Voz ALFOZ / LA VOZ

A MARIÑA

A Mancomunidade da Mariña financia a reedición da publicación do historiador Eduardo Pardo de Guevara
A Mancomunidade da Mariña financia a reedición da publicación do historiador Eduardo Pardo de Guevara CEDIDA

A Mancomunidade da Mariña distribuirá máis de cen exemplares na comarca

03 abr 2023 . Actualizado a las 20:57 h.

Explicar ós máis novos e ó publico en xeral quen foi o mariscal Pardo de Cela, unha das figuras máis emblemáticas da historia medieval de Galicia e que foi decapitado en Mondoñedo no 1483, é un dos obxectivos da iniciativa presentada este luns pola Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, que distribuirá máis dun cento de exemplares do testamento do mariscal entre centros educativos e bibliotecas públicas da comarca. Tamén enviará a publicación ó futuro centro de interpretación de Pardo de Cela do Castelo de Castro de Ouro, en Alfoz.

Ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística na Mariña Lucense, o proxecto é financiado pola Mancomunidade en colaboración coa Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo. Nesa liña, o organismo que preside o alcalde de Foz, Fran Cajoto, vén de apoiar a reimpresión da publicación El testamento del mariscal Pardo de Cela. Noticia del hallazgo y edición documental, firmado por Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, quen é profesor de investigación ad honorem do CSIC e director honorario do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento. Ocúpase da edición a Editorial CSIC.

En outubro de 1483

A obra dá conta do achado do testamento outorgado os días 1 e 3 de outubro de 1483 polo mariscal, contextualizando, valorando e editando o propio documento e poñendo en valor a súa significación histórica. Desde a Mancomunidade subliñan que se trata «dunha acción enmarcada no proxecto de reactivación da Ruta Pardo de Cela, que está a ser desenvolta no territorio a cargo do vixente Plan de Sostibilidade Turística na Mariña Lucense, e que inclúe o deseño e execución do centro de interpretación de Pardo de Cela no Castelo de Castro de Ouro, en Alfoz».

Engaden que a proposta cultural tamén inclúe «a reactivación da coñecida Ruta Pardo de Cela, un roteiro promovido hai anos pola Asociación Mundo Galea, na que se traballa para darlle un enforque eminentemente histórico e de maior alcance xeográfico ó longo da comarca e a través de accións como a revisión dos espazos significativos relacionados coa vida do mariscal, e que están situados en diversos concellos mariñáns, a redefinición do itinerario, colocación de sinais, etcétera».

As mesmas fontes explican que os obxectivos xerais destes proxectos en torno á figura de Pardo de Cela son achegar arumentos para a desestacionalización e enriquecemento de propostas culturais e educativas na Mariña lucense; a redistribución de fluxos turísticos cara ó interior da comarca grazas ó atractivo do centro de interpretación e a súa integración na Ruta Pardo de Cela, retroalimentándose ambos os dous recursos. A iniciativa tamén persegue comunicar o proxecto de forma axeitada para que se perciba como unha acción integral, a Mariña como espazo referente da figura de Pardo de Cela dentro de Galicia, e favorecer o posicionamento do produto cultural no destino.

Os exemplares do testamento veñen de ser enviados ós colexios de educación infantil e primaria, institutos de educación secundaria e bibliotecas públicas da Mariña lucense. Tamén a aquelas outras institucións que, polo seu interese documental e histórico, o requiran.