«Viveiro ten unha cultura de saber estar á altura de grandes concertistas e concertos»

y. garcia VIVEIRO/LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

O programa Adral, todo un anticipo cultural da Semana Santa viveirense, continúa este martes 28 coa charla do cofrade Daniel Cuesta (20.30, Teatro Pastor Díaz)

27 mar 2023 . Actualizado a las 21:08 h.

O programa de difusión cultural da Semana Santa de Viveiro, bautizado co nome de Adral e baixo a organización da Xunta de Cofradías, con Maricarmen López Chipe en calidade de voceira, chega á recta final na cidade do Landro este martes 28 coa conferencia «Ser cofrade, unha forma de ser cristiano», a cargo do xesuita e cofrade segoviano Daniel Cuesta, e coa presentación da revista Pregón (Teatro Pastor Díaz, 20.30 horas). O sábado 1, ás 13.00 no Conservatorio de Música, Antón Niñe vai presentar o libro «Escultores Rivas Varela, de Riotorto a Compostela» e xa pola tarde ese mesmo día, ás 20.30 no Teatro, será o pregón da Semana Santa a cargo de Emilio Xosé Insua López, presentado por Aurelia Balseiro e seguido do concerto da Coral Polifónica Alborada de Viveiro.

Cuesta é xesuíta dende 2007 e obtivo dous premios extraordinarios, o de Grado na Universidad de Salamanca e o de Baccalaureatus in Theologia na Universidad Pontificia Comillas de Madrid. Está formado tamén en Historia da Arte e Humanidades e licenciouse en Teología Fundamental en Roma. Con varias obras no seu currículo, a súa liña de traballo céntrase na Semana Santa e actualmente traballa entre Santiago e Vigo na pastoral xuvenil e universitaria. Destaca Maricarmen López a súa intervención: «Fala do noso mundo, o mundo cofrade, e vai levar a prepararnos para iso que, non deixo de repetir incansablemente, a Semana Santa sentida de Viveiro».

—Que balance fai do programa?

—Por parte tanto da Xunta de Cofradías como dos seus compoñentes, estamos moi moi satisfeitos porque os actos programados, esencialmente concertos, foron marabillosos e dunha gran altura. Tamén temos a satisfacción pola resposta do público, porque todos os actos estiveron sempre arroupados por moitísima xente. Xente que se ve que é xa entendida para escoitar, un ouvinte educado, un público respectuoso... Foi unha marabilla! Precisamente o concerto do Coro da Orquesta Sinfónica de Galicia foi de gran altura, que os viveirenses merecemos e que é un luxo ter algo así aquí. Non temos auditorio, pero as igrexas, que nos ceden os sacerdotes, son un entorno moi favorable para as audicións. Ao final desde concerto felicitei ao coro e ao seu director, Javer Fajardo, e dinlle as grazas de maneira especial ao público. Como unha das pezas do repertorio fora cantada no funeral da Raíña Isabel II de Inglaterra, recordo unha frase que dixen, que grazas a este público non houbera no concerto da Raíña nin tanto silencio nin tanto respecto. É unha cultura que Viveiro ten, saber estar á altura de grandes concertistas e concertos. Os concertos de Adral foron variados e tamén se lle deu moito protagonismo á xente de Viveiro, como cos concertos do Coro do Conservatorio, da Banda O Landro que fixo unha historia da Paixón magnífica... O Conservatorio é unha cuna de cultura, de onde irradian moitos dos seus alumnos, que hoxe son grandes profesionais, polo mundo adiante, e ao que desexamos longa vida. Tamén o concerto de SondeNós foi precioso, cun repertorio moi selecto.

—A Semana Santa sen música, evidentemente, non sería igual...

—Especialmente falando de bandas de tambores más procesionais, sempre dicimos que a música non pode faltar nos desfiles pero non cabe dúbida que ten que acompañar; non pode anular o paso da imaxe. Este sábado houbo o Certame de Bandas, que se encheu de público no que vai ser a antesala do museo.

—Adral tamén son conferencias.

—Nunca olvidamos as que facemos, unha de apertura e a deste martes de peche, que vai ser de altura, impartida por un home novo pero cunha traxectoria inconmensurable na súa carreira.