A Foliada Nordestía regresa catro anos despois con Pelepau, Fransy, Davide e Cibrán e Comando Curuxás

A MARIÑA

Davide Salvado e Fransy González, nunha actuación
Davide Salvado e Fransy González, nunha actuación Ana García

A cita de San Cibrao coa música folk volverá o 1 de abril, con actividades para nenos e Cantos de Taberna

26 mar 2023 . Actualizado a las 14:35 h.

San Cibrao acollerá o sábado 1 de abril a sétima edición da Foliada Nordestía, cita que non se celebraba desde o ano 2019. O programa da celebración, que organiza a asociación A Rebolaxe coa colaboración do Concello de Cervo, inclúe as actuacións de Pelepau, Fransy, Davide e Cibrán e do Comando Curuxás.

As actividades da foliada serán na Praza dos Campos. O programa comezará ás 12.00 horas, con Cantos de Taberna polos locais de hostalería da vila. Ás 15.00 está previsto un xantar popular, e pola tarde haberá xogos e animación infantil a cargo de Miudiño e un obradoiro de baile, ás 19.00 horas.

Os tíckets para o xantar popular estarán á venta na Terraza O Noso Lar e en Hansel e Gretel ata o 31 de marzo, cun prezo de trece euros, e tamén na Praza dos Campos ata fin de existencias, por 15.

Presentación da Foliada Nordestía
Presentación da Foliada Nordestía

A partir das 20.30 horas comezará o festival da Foliada Nordestía. O grupo vigués Pelepau, que adapta cancións da tradición popular galega para percusión; o trío formado por Fransy González (percusionista e vocalista), Davide Salvado (percusionista e vocalista) e Cibrán Seixo (violín procesado e moog); e Comando Curuxás, banda da comarca da Ulloa, animarán a noite.

O alcalde, Alfonso Villares, deu os parabéns á agrupación A Rebolaxe «por retomar este evento que é toda unha homenaxe á tradición e á cultura galega».