Explicacións sobre a situación "deplorable" da explanada de Verxeles, en Viveiro

CONCELLO DE VIVEIRO. / M. LOUREIRO

A MARIÑA

XAIME RAMALLAL

28 mar 2023 . Actualizado a las 19:58 h.

O Concello de Viveiro quere volver a explicar a situación na que se atopa a explanada da variante ante as reiteras declaracións dos voceiros municipais ou candidatos a ocupar a alcaldía, que o único que fan é confundir aos veciños e veciñas.

Dende o grupo municipal se é consciente do estado deplorable no que se atopa a zona e por iso se está a facer todo o posible para poder actuar, canto antes, nese espazo. Neste sentido, cómpre lembrar que o Concello de Viveiro, en base ás necesidades existentes nas zonas dos paseos marítimos de Covas e Viveiro, atendendo á regulación establecida na normativa en materia de Costas e co fin de poder contar coa cesión da propiedade de varios terreos adxacentes a estes paseos que formaban parte do dominio público marítimo terrestre, procedeu á solicitude da regularización da liña interior de ribeira de mar nestes paseos, tendo en conta que perderon as súas características naturais de zona marítimo-terrestre.

Para esta solución lévase traballando dende hai anos, conseguindo que neste momento xa se atope a punto de rematar a tramitación necesaria para a desafectación deses terreos e posterior cesión ao concello por parte de Patrimonio do Estado.

A Dirección Xeral da Costa e do Mar xa aprobou a modificación da liña de ribeira do mar en diversas zonas dos paseos marítimos de Covas e Viveiro, declarando, ademais, a innecesariedade para a protección e utilización do dominio público marítimo-terrestre e acordando solicitar ao Ministerio de Facenda que proceda á desafectación destes terreos.

Así pois, despois da realización de todos estes trámites necesarios para obter a cesión de varios terreos pertencentes ao Dominio Público Marítimo Terrestre, entre os que se atopa a explanada da Variante, pódese informar que xa se está no paso final para acadar este obxectivo, coa tramitación por parte de Patrimonio do Estado da desafectación e cesión destes terreos, tendo rematado xa todos os trámites previos realizados por Costas.

De feito, varios técnicos municipais se desprazaron onte á Xerencia do Catastro en Lugo para concretar determinadas cuestións con respecto a este expediente e avanzar nos trámites para a cesion definitiva ao concello.

Unha vez formalizada a cesión, este concello contará coas competencias para poder proceder ao tan ansiado arranxo da zona da explanada da Variante. Para poder chegar a este punto foi necesario levar a cabo unha serie de trámites previos que só empezaron a ser receptivos en Costas unha vez que houbo o cambio de goberno en Madrid.

Recórdase, finalmente, que ao longo destes anos o concello, para intentar minimizar os prexuízos causados por esta situación, veu levando a cabo actuacións de carácter provisional, prevendo que por fin, en breve, se poida dar unha solución definitiva.