O viveirense Oliver Insua competirá este venres na terceira fase dos Recantos de Luar

Lucía Rey
lucía rey VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

Oliver Insua Piñeiro (1985) cantará de novo este venres en Luar
Oliver Insua Piñeiro (1985) cantará de novo este venres en Luar CEDIDA

O cantante representa á comarca de A Mariña e este verán estará de xira por toda Galicia coa orquestra Metrópolis

27 feb 2023 . Actualizado a las 21:18 h.

O cantante Oliver Insua Piñeiro (Viveiro, 1985) competirá este venres pola noite na terceira fase do concurso Recantos, do programa televisivo Luar. «Máis contento non podo estar! Está todo o mundo volcado comigo, e en xeral estou contento coas puntuacións que me deron tanto o xurado, como o público, como os compañeiros...; ó fin e ó cabo, isto é un xogo», comentou este luns, co sorriso que o acompaña case continuamente, nada máis rematar a conversa coa redactora de Luar coa que repasou como vai ser a actuación na que se xogará pasar á seguinte fase. Será en torno ás 00.30 horas, cando dea comezo a sección de Recantos. E a partir de aí, seguidores e telespectadores poderán emitir os seus votos de apoio por teléfono, por wasap, Facebook ou Twitter.

«Máis contento non podo estar! Encantado de coñecer xente nova e enchouparme do talento de todo o mundo», Oliver Insua

Nesta ocasión, Oliver compartirá escenario facendo dúo con Daniela Castro, representante de Terras de Pontevedra. «Os dous queremos facelo o mellor posible porque os dous nos queremos clasificar para a seguinte fase», destaca o viveirense, que ademais de traballar como repoñedor nun Eroski de Santiago, onde reside desde hai tempo, é acróbata. Dos 20 participantes que comezaron o concurso aló por outubro, só quedan 12. Na primeira fase cantou Un bico e unha flor, de Nino Bravo; e na segunda, Amante bandido, de Miguel Bosé. «Cada venres hai xente que está pendente dos meus estilismos», sorrí.

Xira de verán

Aínda que de principio barallou a posibilidade de abandonar o mundo da verbena (cantou nas orquestras Trébol, Costa Dorada ou Metrópolis), finalmente Oliver volverá facer a xira de verán como solista da orquestra Metrópolis. «Estou moi contento nela, é unha orquestra que se adapta ben ás miñas necesidades e temos moi bo ambiente», confesa Oliver.