
O talento emprendedor do académico numerario da Real Academia Galega, Francisco Fernández del Riego, fixo que del xurdira a idea de que, así coma noutras comunidades lingüísticas europeas adicaban un día a exaltar a súa lingua, en Galicia tamén se enxalzara a figura e a obra dun escritora ou escritora que polo súa creación en lingua galega foran merecentes de tal homenaxe. A data de celebración na que pensa ten que ver coa publicación de Cantares Gallegos, libro co que Rosalía de Castro inicia o Rexurdimento da literatura galega.
Propón Del Riego, xunto con Ferro Couselo e Gómez Román, a idea á Real Academia Galega en abril de 1963 e, despois de ser aceptada e aprobada por unanimidade, ese mesmo ano celébrase o primeiro Día das Letras Galegas adicado a nosa poetisa máis universal: Rosalía de Castro.
Andando o tempo o Día das Letras Galegas converteuse nunha data de referencia onde multitude de centros educativos, institucións, asociacións culturais e de todo tipo homenaxean ao escritor ou escritora que pola súa traxectoria literaria son acredores de tal recoñecemento, ao mesmo tempo que se exalta a lingua e cultura propias de Galicia.
Unha festa xa de fonda tradición e que calou no imaxinario colectivo do país; mesmo se converteu en día festivo. Esta foi unha das moitas iniciativas que Don Paco tivo e fixo a prol da lingua e da cultura galega. Xa nos seus republicanos anos de estudante tentou galeguizar a Universidade. Máis tarde, agochando a súa identidade no seu preferido pseudónimo, Salvador Lorenzana, publicou artigos e ensaios en revistas bonearenses, no Suplemento do sábado do xornal compostelán La Noche e mesmo fixo guións radiofónicos para a BBC inglesa, sempre tendo como fondo temático a Galicia. Del Riego non só participa na concepción e fundación da Editorial Galaxia senón que participa activamente no seu desenvolvemento. Animador infatigable das novas xeracións as que pon en contacto coas da preguerra. Fomentador de alento aos seus coetáneos a que escriban e publiquen en galego (Cunqueiro e Celso E. Ferreiro son dous bos exemplos). Codirector (xunto a Ramón Piñeiro) da prestixiosa revista Grial de exitosa lectura en varias universidades europeas e americanas. Director durante case cincuenta anos da Biblioteca da Fundación Penzol, imprescindible centro bibliográfico do galeguismo, presidente da Real Academia Galega, cargo ao que accede como un auténtico auctoritas e onde o seu labor se fixo notar revitalizando unha institución que estaba adormecida nas sombras da rutina.
Francisco Fernández del Riego nado en Vilanova de Lourenzá en 1913 finou en Vigo no 2010. Leva pois máis de dez anos entre os inmortais galegos da procesión da Santa Compaña que tan ben cantou Castelo no seu Alba de Gloria. O pasado mes de xuño a Real Academia Galega acordou adicar o Día das Letras Galegas de 2023 a Francisco Fernández del Riego; un acordo de intelixencia, gratitude e xustiza.
* Manuel Román Ramos, mestre e escritor, membro da comisión don paco.