A residencia de Foz e a política

Gonzalo Vázquez OPINIÓN

A MARIÑA

xaime ramallal

25 ene 2023 . Actualizado a las 14:03 h.

Eu son o fillo de Paulina, unha muller maltratada que ingresou na residencia de Foz e recibiu alí máis cariño, máis tenrura e máis coidados que no resto da súa vida. Hoxe en día, centros con esa calidade humana e asistencial cóntanse cos dedos das mans. E non coñezo a ningunha familia que opine o contrario.

Durante máis de trinta anos asinei miles de cualificacións no instituto de Foz, e se tivera que puntuar o labor das persoas que coidan da miña nai non abondaría cun sobresaliente. Esa nota quedaríase curta e teriamos que engadirlle unha matrícula de honra para ser xustos coa empatía e o compromiso destes traballadores.

E así o manifestei no encontro que as familias tivemos co alcalde o pasado día 17. Unha xuntanza sen papeis na que o noso rexedor municipal falou e esbardallou canto quixo pero non achegou ningunha documentación para apoiar as súas palabras. Unha reunión na que se plantexaron moitas preguntas ás que o señor alcalde non soubo ou non quixo responder.

Velaquí algunhas: por que se quere cambiar algo que ao noso ver funcionaba dun xeito tan exemplar? E se algo fallaba na residencia, por que non se consultou cos familiares unha posible solución ao problema? E por que se nos convoca demasiado tarde a unha reunión cando as decisións esenciais xa están tomadas? Acaso se nos está agochando algo?

O único que os familiares queremos é saber a verdade do que aconteceu na residencia e do que pasará nela de aquí en diante. Pero unha verdade baseada en papeis que dean fe do que se nos conte pois as palabras lévaas o vento.

Mais eses políticos mediocres que presumen de transparentes, en troques de selo, sempre botan man das descualificacións persoais cando non hai argumentos. Incluso o alcalde de Foz, no colmo da desvergonza, mesmo chegou a criticar que os familiares asináramos un escrito para defender segundo el quen sabe que escuros intereses. E o rexedor tamén se laia, e cito literalmente, do «uso de maneira política» dunha situación tan difícil. A guinda do pastel!

En fin, cando escoitedes a alguén acusar a outros de «politizar» as cousas é porque ese alguén vive a conta da política. Non teñades dúbida ningunha. Mais polo que a min atinxe, debo darlle a razón ao señor Cajoto en dúas cousas: en que eu son unha persoa moi politizada e en que tamén defendo uns intereses moi concretos.

E son unha persoa moi politizada pois concordo con Platón en que «o prezo a pagar por desentenderse da política é o de ser gobernado polos peores homes». Será este o caso do noso concello? E tamén porque, en palabras do seu discípulo Aristóteles, o home só pode ser dúas cousas: «ou político ou idiota».

E como eu non me teño por imbécil, tamén defendo uns intereses moi concretos. E non son os do PSOE, nin os do BNG, nin moito menos os do PP e o seu execrable oportunismo político. O que pretendo é defender os intereses dos usuarios e do persoal laboral desa residencia na que a miña nai atopouse cunha gran familia.

Ao final desa reunión maratoniana de catro horas, por fin o alcalde recoñeceu e cito literalmente, que «pode que fora neglixente» con algúns asuntos. E eu gustei desa mostra de humildade nunha persoa que parece estar demasiado afeita ao ordeno e mando. Mais eu pregúntome quen vai pagar os pratos rotos desa neglixencia: o colectivo da nosa residencia? Todos os veciños de Foz?

Esperemos que o noso alcalde estea á altura das circunstancias e actúe en consecuencia.

* Asinado.- Gonzalo Vázquez López.