E a Mariña quedou illada

PLATAFORMA FUTURO PARA A MARIÑA

A MARIÑA

Pepa Losada

24 ene 2023 . Actualizado a las 18:22 h.

Isto parece que se trata da "crónica dunha morte anunciada”. A Mariña queda sen bus e sen tren por mor da cantidade de auga que caeu estes días. Dende a Plataforma polo Futuro da Mariña, levamos anos pedindo infraestructuras para esta zona, que fixeron e fan os diferentes gobernos? Mirar para outro lado e deixar as cousas igual que estaban. A auga que caeu non veu de súpeto, sen que ninguén contara con ela. As carreteras e a rede viaria teñen que ter un mantemento, que pasa por invertir, tanto en material como en persoal, pero, aquí non se fai nada diso. Nin temos persoal que vixíe as nosas carreteras, nin persoal que as arranxe, nin persoal no ferrocarril nin persoal que manteña o tramado viario. NON TEMOS NADA e, o pouco que temos, está deteriorado.

En outubro de 2021, con unha manifestación multitudinaria, e en novembro do mesmo ano, con unha folga que foi seguida tanto por persoas traballadoras como polas propias empresas, que ven cara a onde vai a comarca, reivindicamos, entre outras cousas, tanto ao goberno central como ao goberno autonómico, unhas infraestructuras que, se houberan feito caso, agora non estaríamos na situación que nos atopamos. Que pasa cos traballadores e traballadoras que teñen que vir dende o occidente da provincia a traballar a Burela e San Cibrao. Que pasa coas persoas que teñen que vir dende esa zona ao Hospital. Habilitan una carril para as ambulancias, pero, hai outras moitas persoas que veñen en coches particulares ou en autobús, que agora non temos. Hai que subir ata a Gañidoira e baixar polo outro lado? Deixamos os coches en Cangas e pasamos andando? Polo visto van habilitar un carril regulado por semáforo, que servirá para sair e entrar en Burela. Esperemos que ese carril esté en mellores condicións e non pase outro tanto do que pasou no outro lado.

E tamén esperemos que o que está acontecendo, faga que, tanto o goberno central como autonómico, se den conta de que A Mariña tamén existe!