Víctor Fernández Freixanes: «Paco del Riego foi corazón, músculo e pulmón da cultura galega»

Lucía Rey
Lucía Rey LOURENZÁ / LA VOZ

A MARIÑA

Representantes da RAG, o Consello da Cultura Galega, o Concello de Lourenzá ou a Xunta e a Deputación asistiron ó acto celebrado en Lourenzá
Representantes da RAG, o Consello da Cultura Galega, o Concello de Lourenzá ou a Xunta e a Deputación asistiron ó acto celebrado en Lourenzá Pepa Losada

A RAG e Lourenzá abriron o Ano dedicado ó autor do Día das Letras

26 ene 2023 . Actualizado a las 13:29 h.

«Paco del Riego foi corazón, músculo e pulmón da cultura galega do seu tempo; unha figura cunha significación enorme e de primeirísimo nivel no galeguismo do século XX». Deste xeito resume o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Fernández Freixanes, a relevancia de Francisco Fernández del Riego (Lourenzá, 1913-Vigo, 2010), quen será homenaxeado no Día das Letras Galegas deste 2023. Unha celebración que se estenderá todo o ano e cuxo primeiro acto tivo lugar este sábado en Lourenzá, a vila natal de don Paco. Asistiron, entre outros, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez; a alcaldesa laurentina, Rocío López, ou o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé. Ademais das intervencións institucionais, na cita foi inaugurada a exposición «110 anos de Del Riego», presentado un calendario biográfico e houbo un concerto do grupo de música antiga 1500. O grupo da Asociación Cultural Osorio Gutiérrez interpretou a panxoliña favorita do homenaxeado. «A idea de que vilas demograficamente pequenas como Lourenzá asuman con tanto entusiasmo figuras como a que representa don Paco é unha proba de vitalidade e de que as Letras Galegas non son só a celebración das grandes solemnidades», engadiu o presidente da RAG, que sinalou que hai meses veciños do municipio mariñán se desprazaron á Academia para «asumir e compartir» con esta a celebración. «É unha honra, algo que agradecemos e aplaudimos», recoñeceu.

De Galicia a Vieiros

Fundador da editorial Galaxia xunto con Otero Pedrayo, Ramón Piñeiro ou Xaime Isla; director da revista Grial, presidente da Fundación Penzol, articulista en medios como Faro de Vigo ou La Voz de Galicia, entre outros, don Paco «viaxou polos grandes acontecementos da cultura galega do século XX, incluídas as catástrofes como a Guerra Civil», resaltou Freixanes. Nese sentido, apuntou que «dentro do exilio interior» foi fundamental e actuou como «ponte entre os vellos e os novos»: entre a Xeneración Nós e o Seminario de Estudos Galegos e as novas xeneracións representadas, moitas veces, por «colaboradores novos» da revista Grial, como o grupo Brais Pinto, ou os autores de coleccións como Illa Nova ou Salnés. O máximo responsable da RAG recorda o «cariño e o entusiasmo» co que o acolleu sempre Del Riego. Especialmente cando se fixo cargo da dirección de Galaxia. «Fumando sempre os seus Montecristo e tomando os seu whiskys, ata que morreu con 97 anos», sorrí Freixanes, que resalta que don Paco actuou como «embaixador cos exiliados», como Luis Seoane, en Bos Aires; o Padroado da Cultura Galega de Montevideo (Uruguai) ou a revista Vieiros, en México. «Cando Delgado Gurriarán, Carlos Velo e Lois Soto pensan nunha persoa que desde Galicia sexa o correspondente, pensan nel. El será a persoa que active a colaboración con Otero Pedrayo, Cabanillas, Ramón Piñeiro, Xesús Alonso Montero, Méndez Ferrín, Maside... O que move todo isto», completou o presidente da RAG, que tamén engadiu que Del Riego foi dinamizador das emisións en galego que durante algún tempo realizou a BBC.