Unha vida dedicada a Galicia, á súa cultura e á súa lingua
07 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.O pleno da Real Academia Galega acordou o pasado mes de xullo dedicarlle o Día das Letras Galegas do ano 2023 a Francisco Fernández del Riego. Unha conmemoración que non só abarcará a xornada do 17 de maio, senón que se prolongará durante todo o ano nunha secuencia de actos e actividades que se desenvolverán en toda Galicia.
A figura de Fernández del Riego é de sobra coñecida nos círculos galeguistas, pero se cadra non tanto no resto da poboación, polo menos non tanto como merece o seu fecundo labor e intachable conduta na defensa e promoción da identidade propia de Galicia, visibilizada a través da súa cultura e da súa lingua.
Del Riego foi alma mater da Xeración Galaxia, e a Xeración Galaxia foi a continuadora e a que puxo en contacto á xente da posguerra co Rexurdimento, as Irmandades da Fala, o Seminario de Estudos Galegos e a Xeración Nós. Polo tanto Del Riego foi o continuador de Murguía, A. Vilar Ponte, Otero Pedrayo, Castelao…
Durante os dous útimos terzos do século XX e primeiros anos do XXI, case non hai iniciativa ou proxecto a prol do recoñecemento e potenciación das características propias de Galicia na que Del Riego non participe como elemento fundamental.
Reseña bibilográfica
Trataremos de escribir unha breve reseña biográfica.
Francisco Fernández del Riego, coñecido durante moitos anos como don Paco, naceu en Vilanova de Lourenzá o día 7 de xaneiro de 1913, seu pai, Vicente, era oriundo de Cedofeita (Ribadeo) e súa nai, Amada, da propia Vilanova de Lourenzá. Aprendeu as
primeiras letras na escola pública da Vila e recibiu a preparación do, daquela, chamado bacharelato elemental dos frades do mosteiro vilanovés. No colexio dos Escolapios de Monforte de Lemos fixo os estudos do bacharelato superior. Escolle a carreira de Dereito e matricúlase na Universidade Central de Madrid. Curiosamente vai ser na capital de España cando recala no galeguismo consciente (o emocional xa o adquirira en Lourenzá) ao observar o desprezo con que os seus compañeiros universitarios tiñan por Galicia e polos galegos, algo que o levou á lectura da poesía de Rosalía, Curros e sobre todo á Teoría do nacionalismo galego de Vicente Risco.
De volta a Vilanova no verán de 1931, onde seus pais xa tiñan decidido trasladarse a vivir a Santiago de Compostela en busca dun lugar no que fose máis factible darlle estudos aos once fillos que tiñan. Ese verán, Paco de Amada (como era coñecido en Vilanova) escribiu e leu desde o balcón da Casa do Concello un manifesto para conmemorar o Día de Galicia; foi, como recordará toda a súa vida, a primeira intervención pública que fixo na defensa dos valores propios de Galicia.
Ao chegar a Santiago contacta co movemento galeguista que alí había, o Seminario de Estudos Galego, a revista Nós, e como consecuencia empeza a relacionarse con xente de prestixio xa recoñecido: Ramón Cabanillas, Vicente Risco, Castelao, Ánxel Casal, Otero Pedrayo… Non tarda moito en converterse nun líder universitario e os seus compañeiros elíxino para que na súa representación lea o discurso de apertura do curso 1933-34, no que solicita unha modernización e galeguización da Universidade.
Afiliado ao Partido Galeguista, foi nomeado secretario xeral das Mocidades Galeguistas (rama xuvenil do PG); a súa sona de bo orador lévao a participar en moitos mítines de propaganda electoral en favor do Estatuto de Autonomía a carón de Alexandre Bóveda, Suárez Picallo, Castelao e outras figuras políticas daquela época. Escribe colaboracións en diversos xornais e revistas: Alento, Ser, Guieiro, A Nosa Terra, ao mesmo tempo que remata a carreira e ponse a traballar como profesor auxiliar de Dereito Civil.
Ao estalar a Guerra Civil, e como consecuencia da súa militancia galeguista, é multado, expulsado do seu traballo e inhabilitado para exercer calquera cargo público, ao mesmo tempo que ten que agocharse para salvar a vida, algo que consegue incorporándose ao exército.
Cando remata a guerra, de volta a Santiago séntese ameazado polo novo réxime, polo que toma a decisión de marcharse a vivir a unha cidade onde fose menos coñecido.
Escolle Vigo, a onde chega buscando a protección de Valentín Paz-Andrade, quen lle consegue un pequeno traballo no seu despacho de avogado. Tempos de penuria económica, tempos difíciles e arriscados, e aínda así é quen de reorganizar (xunto con Enrique Peinador, Gómez Román e Ramón Piñeiro entre outros) o Partido Galeguista na clandestinidade, algo moi perigoso e arriscado no ano 1943. Tamén mantén un contacto permanente co mundo do exilio e escribe nas revistas Galicia e Galicia emigrante de Buenos Aires utilizando o seu pseudónimo favorito: Salvador Lorenzana.
Unha vida dedicada a Galicia, á súa cultura e á súa lingua
Durante a década dos corenta escribe en diversos xornais e revistas, destacando a colaboración titulada Un tema gallego cada semana que fai no xornal compostelán La Noche, onde xunto con Xaime Illa Couto organiza o exitoso suplemento literario do sábado. Nesta época tamén coordina un programa radiofónico en galego que emite a BBC desde Londres. Todas estas actividades galeguistas ocasiónanlle sufrir un consello de guerra cando o acusaron de pertencer a unha organización chamada Unión de Intelectuales Libres.
No ano 1950, xunto con Xaime Illa Couto e Ramón Piñeiro, concibe a idea de fundar unha editorial que tivera como obxectivo non só publicar e vender libros, senón que fose un instrumento capaz de despertar e devolver aos galegos a conciencia de país a
través da súa lingua e da súa cultura e para iso compría recuperar aos vellos galeguistas da preguerra e conectalos cos autores que ían xurdindo na posguerra: esta foi o principal labor de Galaxia e da xente galaxiana.
O ano 1963 foi un ano importante na vida de Del Riego e no desenvolvemento do galeguismo, tres acontecemento así o indican: A posta en marcha de Grial, revista galega de cultura, publicación que vai acadar sona en diversas universidades europeas e americanas e que Del Riego e Ramón Piñeiro van codirixir durante vinte e cinco ano; a creación da Fundación Penzol, como consecuencia da doazón que fai Fermín Fernández Penzol dos seus impresionantes fondos bibliográficos e documentais, Del Riego vai ser o director da biblioteca Penzol durante case cincuenta anos converténdoa nun espazo indispensable para calquera consulta sobre Galicia, e onde os investigadores e estudosos sempre contaron co apoio, axuda e colaboración do seu director; o outro gran acontecemento deste ano é a idea da celebración do Día das
Letras Galegas que tamén ten como protagonista a Del Riego, quen lle propón a RAG a necesidade de crear unha efeméride para homenaxear a unha figura relevante das nosas letras ao mesmo tempo que servise para visibilizar a lingua e cultura do País.
Xa cumprira oitenta anos cando acepta, por coherencia responsable, presidir a Real Academia Galega, institución que el consideraba moi importante no desenvolvemento cultural do país e a que pertencía como membro numerario desde 1960. Nos catro anos que estivo ao fronte da Academia modernizouna e deulle un brío do que carecía dende había moitos anos.
Probablemente a maior aportación que fixo Fernández del Riego á cultura galega non foi a súa produción literaria, senón que destacou sobre todo como dinamizador, executor e impulsor de proxectos e actividades e de animar e axudar a autores que estaban ‘parados’ a que se puxesen a ‘andar’, dous bos exemplos son Celso E. Ferreiro con Longa noite de pedra a Álvaro Cunqueiro co seu Merlín e familia. Todo
isto non quere dicir que non teña obra escrita importante, hai que significar que, con case toda seguridade, é o escritor que máis páxinas ten escrito en galego e sobre temas relacionados con Galicia; así o testemuñan 159 monografías, como autor, 96 títulos, como prologuista, editor literario, seleccionador e tradutor e máis de 4000 colaboracións periódísticas, todos depósitados nos fondos bibliográficos de Fernández del Riego na Fundación Penzol.
Recoñecementos
Ao final da súa vila recolleu moitas distincións e recoñecementos: Medalla de Ouro de Galicia, Premio Pedrón de Outro, Medalla Castelao, 1º Doutor Honoris Causa da Universidade de Vigo, Premio das Artes e das Letras de Galicia… e o que máis o emocionou e conmoveu o seu espírito: Fillo Predilecto de Lourenzá.
Francisco Fernández del Riego, Don Paco, viviu unha vida dedicada a Galicia, á súa cultura e á súa lingua e como legado seu quedounos un lume aceso onde os galegos podemos quentarnos e soñar cun país e cun futuro.