O anuncio do alcalde nacionalista de Ribadeo, Fernando Suárez, de que non se vai presentar como candidato nas próximas eleccións municipais non sorprendeu a ninguén. Víase vir; neste último tempo quen máis protagonismo gañou dende o concello foi xa Pablo Vizoso. Era evidente a procura desa visibilidade.
Manteño unha boa amizade no persoal con Fernando Suárez. Coñecino de mozo na actividade política local cheo de ilusión -lóxica- por transformar Ribadeo. Dicía el mesmo este sábado na rolda de prensa no Parador que non perdera esa ilusión aínda. Foron 24 anos con responsabilidade política, tempo suficiente como para que calquera esforzo acabe por cansar en calquera faceta da vida. No caso dun alcalde ou alcaldesa, desgastan, quéirase que non.
En todo este tempo Ribadeo experimentou unha transformación evidente, como toda A Mariña. Polo traballo do goberno local e tamén por circunstancias externas, alleas a un concello, para ben e para mal. A Autovía do Cantábrico, paréceme, veu supoñer un antes e un despois especialmente para Ribadeo. O empurrón que deu á economía local é evidente. Conformouse á saída da A-8 a área comercial máis grande de toda a zona. Se mellorou en servizos e en calidade de vida no día a día é algo que saberán valorar en Ribadeo. Comentaba unha compañeira este día, gratamente sorprendida, o movemento que había na vila ribadense un venres á noite. Non sucede noutras localidades da Mariña.
Hai que recoñecerlle a Fernando Suárez a decisión que tomou, que non é fácil aos seus 50 anos. Agora que ten experiencia (quizais por iso). Queda un escenario político aberto moi interesante en Ribadeo de cara ás vindeiras eleccións municipais. El ha volver, de seguro, ao seu posto de funcionario na Veiga; ten o grao en Relacións Laborais e RR.HH. Tamén á súa afección ao ciclismo, que non deixou sendo alcalde; presume de percorrer 90 quilómetros nunha saída de fin de semana. Pablo Vizoso, ribadense, empresario cunha correduría de seguros, é abondo coñecido en Ribadeo pero ten así e todo unha tarefa complicada e apenas cinco meses para agrandar a súa imaxe e o que é máis importante, gañar a confianza dos veciños e veciñas co BNG e o seu programa no máis alto da onda, iso si, en Galicia. En fronte Daniel Vega, parlamentario e portavoz do PP local, é todo ambición; lícita, ninguén pode negar o seu empeño e o seu traballo para alcanzar en maio a alcaldía.
Pero cinco meses -en termo e medida electoral- son demasiado tempo; un mundo. Hai que agardar e ver.