«Do 7 ó 10 achegaremos a música coral gallega a Bonaval ou á Catedral de Lugo»

Lucía Rey
lucía rey VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

Javier Fajardo Pérez-Sindín dirixe desde o pasado verán o Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia
Javier Fajardo Pérez-Sindín dirixe desde o pasado verán o Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia CEDIDA

O músico viveirense ultima a xira dun grupo vocal do que forman parte 100 personas

30 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A misa solemne en honor ó Apóstolo Santiago composta por Xoán Montes (Lugo, 1840-1899), unha das figuras máis representativas do Rexurdimento, con motivo do Ano Santo de 1897 é un dos temas centrais da xira de concertos que desenvolverá o coro da Orquestra Sinfónica de Galicia a principios de decembro da man do seu director musical, o viveirense Javier Fajardo Pérez-Sindín, que tamén dirixe o Coro da Universidad de Valladolid. «Do 7 ó 10 de decembro achegaremos parte da música coral galega máis representativa dos últimos 125 anos, e que forma parte do patrimonio coral da comunidade, para que se poda escoitar en lugares tan emblemáticos de Galicia como a igrexa de San Bartolomé de Pontevedra, onde actuaremos o día 7; a de Santo Domingo de Bonaval, en Santiago, onde cantaremos o día 8; a Catedral de Lugo, onde estaremos o 9; e A Coruña, onde remataremos a xira o día 10. O programa chámase ‘Ecos imprescindibles’», comenta o músico viveirense.

O pasado verán, Fajardo Pérez-Sindín foi nomeado director do coro da Sinfónica, logo de cinco anos colaborando coa formación. «Son o encargado de preparar o coro para todos os programas que ten anualmente. Ocúpome dos ensaios e de preparalo, porque acostuma a cantar coa Orquestra Sinfónica. E ás veces tamén o dirixo en concerto», detalla o músico. Na segunda parte do concerto, o coro cantará obras de compositores como Joam Trillo, Margarita Viso ou Fernando Buide. «Actualmente o coro ten preto de cen persoas en plantilla. Son de toda Galicia e teñen experiencia de anos cantando», comenta. Cada dúas semanas ensaian na Coruña. Mentres, Javier Fajardo continúa viaxando a Valladolid cada semana para dirixir o Coro da Universidade. «Hai mes e medio actuamos nun dos templos da música en España, no Auditorio Nacional, para celebrar un concerto polo 75 aniversario da independencia da India. Estreamos nel unha sinfonía dun compositor indio, e agora, en decembro, teremos un concerto benéfico en favor de Unicef polo Nadal. E nos próximos meses é posible que o coro vaia a Berlín. É un momento bo», conclúe.

O coro viveirense Tempus Fugit ofrecerá un concerto de despedida o próximo verán

O Coro Tempus Fugit, creado en Viveiro no 2013, non continuará. «O que podo anticipar é que o próximo verán daremos o concerto de despedida que non tivemos a oportunidade de facer», explica Javier Fajardo, que foi o seu director ata o pasado verán. Segundo comenta, a pandemia forzou a desaparición dun grupo que estaba formado na súa maior parte por xente de Viveiro de que non vive en Viveiro. «Era moi dificultoso organizar os ensaios, pero como eu coñecía a dispoñibilidade de todo o mundo iamos organizando. Cando chegou a pandemia e con todas as restricións de mobilidade que houbo en Viveiro complicouse», indica, e sinala que o isto coincidiu co seu nomeamento como director do coro da Sinfónica e o feito de converterse en pai. «Tiven que elixir e, ó non poder estar eu, a xente preferiu deixalo».