Voluntarios da Mariña na zona cero do Prestige: «Ao quitar o chapapote sentías impotencia e a sensación segue hoxe»

A MARIÑA

David Fernández Rodil, voluntario burelense durante a catástrofe ambiental do Prestige
David Fernández Rodil, voluntario burelense durante a catástrofe ambiental do Prestige CEDIDA

Uns 30 estudantes do IES Monte Castelo de Burela acudiron en xaneiro de 2003 a Muxía

22 nov 2022 . Actualizado a las 14:55 h.

Pasaron 20 anos do Prestige e moitas das lembranzas xa se esvaeceron, pero hai unha que quedou gravada a lume en David Fernández Rodil e Alba Fernández, que como estudantes do IES Monte Castelo de Burela acudiron en 2003 a Muxía a retirar o chapapote: «a sensación de impotencia», coinciden. Unha emoción que, resaltan, «sempre estivo presente ao pensar na traxedia, incluso agora».

En xaneiro de 2003, uns 30 estudantes do IES Monte Castelo loitaron contra o chapapote en Muxía. Durante cinco días, alumnado das ramas de Saúde Ambiental, Adultos, Enfermería e Artes- traballou na zona cero da marea negra. Fernández Rodil era maior de idade «desde uns poucos meses antes, por iso tomei a decisión de ir. Meus pais tiñan algo de temor a que fose polo descoñecemento da situación toxicidade do chapapote», lembra.

Voluntarios recollendo fuel na zona de Lourido, en Muxía
Voluntarios recollendo fuel na zona de Lourido, en Muxía JOSE MANUEL CASAL

Ao chegar á costa, «a vista pareceume abrumadora, ver todo tinguido de negro. Por moito que viras pora televisión ou na prensa, nada era comparable a observalo in situ. Pensei que xamais se recuperaría», resalta Alba. David retén as imaxes «dos animais, as persoas loitando por limpar a terra... Caíaseche a alma aos pés, quedabas sen palabras».

Para aquela marea branca que tentaba protexer a costa con espátulas ou palas, o traballo, durante os cinco días, foi incesante. «Recordo ben a impotencia de estar alí metido ata os xeonllos, case sen poder moverte», indica Fernández Rodil. «Lembro carretar capachos de chapapote sen parar, cuns recursos que tiñamos que eran rudimentarios. Parecía inútil o teu traballo. Psicoloxicamente foi duro polo impacto de ver a costa tan danada e porque por moito que traballabas non vías avance, sentías que era unha misión imposible. E a nivel físico era durísimo: pasei moitísimo frío, humidade...», salienta Alba.

Alba Fernández Rubal, á dereita, xunto a Bruno González, no bar que rexentan
Alba Fernández Rubal, á dereita, xunto a Bruno González, no bar que rexentan YOLANDA GARCÍA

Polas noites, os voluntarios durmían nun pavillón. «Foi outra das experiencias que máis me marcou. Había unha marabunta de xente», expón Alba. Fernández Rodil apunta que «existía un bo ambiente co resto, persoas de sitios diversos, de moitos lugares e países, comprometidos por unha soa causa. Era emocionante», relata. Nos descansos, para durmir ou para comer, «sempre nos xuntabamos. Era importante o sentido do humor para despexar a cabeza», engade.

Nin David nin Alba conservan documentos fotográficos daqueles cinco días en Muxía, tal foi a intensidade do traballo. Apenas lembran «ver a pedra de Abalar» e as rúas, os bares e os supermercados ateigados de noite, cando remataban unhas tarefas que duraban de sol a sol, ata que non se podía ver máis.

Alba lamenta que «non houbo ningún responsable político, nin Fraga, nin Aznar... A iso contrapúñase xente que fixo un paréntese nas súas vidas para salvar a costa a calquera prezo. A resposta política non estivo á altura da cidadanía», reflexiona Alba. O balance de David, que non quitou ollo dos documentais e noticias retrospectivas destes días, é similar: «Sempre quedará o sentimento de impotencia, a emoción de todo o que pasou. Tamén o da forza que ten un pobo cando quere conseguir algo», conclúe.