Que día teñen que enfermar os nenos e nenas na Mariña?

A MARIÑA

PEPA LOSADA

22 nov 2022 . Actualizado a las 13:43 h.

No ano 1986 o primeiro Goberno socialista da democracia española aprobou a Lei Xeral de Sanidade para que todas e todos tiveramos dereito a unha sanidade pública e universal. Visto en perspectiva, concordaremos que foi un dos maiores logros da nova democracia, pero temos que advertir de que as conquistas sociais e os dereitos non son eternos, ao contrario, poden ser máis efémeros do que parece, pois vemos día tras día como os gobernos do PP en Galicia deterioran a calidade dos servizos públicos, e moi especialmente da sanidade.

Este domingo en Viveiro, na Mariña de Lugo, asistíamos unha vez máis á reacción cidadá de centos de familias que se atoparon sen pediatra no se centro de atención primaria ao longo da semana pasada, deixando así a máis de 1.600 nenos e nenas sen cobertura.

Viveiro ten dous pediatras asignados ao seu centro de saúde, pero as primeiras citas dispoñibles son para o mes de decembro. Imaxinemos como será a atención pediátrica, cando unha prestación de proximidade que se tiña que ofrecer con prontitude, hai que agardar por ela, por moita urxencia que haxa, un promedio de trece días.

Falamos de Viveiro, pero o problema amplíase tamén a outras localidades da Mariña luguesa, e do conxunto de país. Hai, de feito, 192 concellos en Galicia que non dispoñen de servizo de pediatría logo de 13 anos de gobernos de Feijoo e de Rueda á fronte da Xunta. Cal é a solución do PP para resolver o problema que crearon ao longo deste tempo? Pois que parece que optan por desviar ao Hospital de Burela a nais e pais cos seus fillos, centralizando aí a atención que no prestan noutros puntos, o que lles permite seguir baleirando os PAC e os centros de saúde de de médicos especialistas.

Temos que lembrar o que dixo a nova xerente do Sergas, señora López-Pardo, nunha entrevista concedida a La Voz de Galicia o pasado outubro: «A poboación ten que entender que non poderá haber un pediatra en cada centro de saúde». Queda revelada así a estratexia: non só non vai a dotar a eses 192 concellos dos servizo de pediatría que non teñen, senón que están dispostos a recortar a prestación nos 121 concellos restantes.

No seu día pedinlle ao presidente Rueda que rectificase esta decisión, porque é unha auténtica barbaridade. Aínda así, optou por defender a estratexia do desmantelamento e manter a esta señora á fronte do Sergas. Esta semana os veciños e veciñas de Viveiro e de toda a Mariña xa viron que o PP vai en serio cando di que non pode haber pediatras nos centros de saúde, e eu sígome preguntando si non ten que haber pediatras daquela que terá que haber? Músicos?

Debemos defender a sanidade pública e universal que tanto custou construír, e asegurarnos tamén que sexa de calidade. E aí estamos e seguiremos estando o PSdeG- PSOE.

* José Manuel Lage Tuñas. Secretario de Organización do PSdeG-PSOE.