O Día Mundial da Saúde Mental puxo o foco na infancia e na xuventude

María José Nóvoa

A MARIÑA

PEPA LOSADA

16 oct 2022 . Actualizado a las 21:34 h.

O 10 de outubro conmemorouse o Día Mundial da Saúde Mental, celebración que conta co apoio da Organización Mundial da Saúde (OMS) e que este ano centrou a súa temática na saúde mental na infancia e na mocidade, unha materia pendente a nivel sanitario, social e educativo. Cabe sinalar que a metade dos trastornos mentais presentan síntomas antes dos 14 anos, e tres cuartos deles comezan antes dos 24.

Segundo a OMS, unha de cada sete persoas mozas de 10 a 19 anos ten algún problema de saúde mental en todo o mundo. A pandemia agravou problemas existentes aos que non se lles prestou a atención necesaria, á vez que foi causante de novos problemas, provocando un aumento do 47% nos trastornos de saúde mental en menores de idade. Segundo un informe de UNICEF, a ansiedade e a depresión representan ao redor do 40% dos problemas de saúde mental na infancia e na mocidade, ao que hai que sumar o malestar psicosocial de nenas, nenos e adolescentes que non chega a ser un trastorno mental, pero si perturba a súa vida, a súa saúde e as súas expectativas de futuro.

A falta de recursos, tanto económicos como humanos, fai que a atención á saúde mental sexa moi insuficiente nun contexto no que os problemas desta índole da poboación infanto-xuvenil están a aumentar. O custo da inacción é elevado debido ás súas repercusións en termos de vidas humanas e para os efectos que ten sobre as familias, as comunidades e a economía. O suicidio, por exemplo, supón un problema real entre a poboación moza; segundo un informe de Save the Children, o 3% dos e das menores tivo pensamentos suicidas no 2021.

Por outra banda, a pesar da crecente concienciación sobre a saúde mental, o estigma segue a ter unha gran presenza na nosa sociedade. Este, intencionado ou non, dificulta que os nenos, nenas e adolescentes busquen tratamento ou apoio e limita o seu correcto desenvolvemento. Para reverter esta realidade, Saúde Mental FEAFES Galicia imparte charlas nos centros escolares galegos, tanto de secundaria como universitarios, sobre diversos temas relacionados coa saúde mental coa fin de visibilizar, sensibilizar e favorecer a prevención de problemas desa índole. Durante o curso 2021-2022, máis de 900 alumnos e alumnas acudiron a estas xornadas informativas e de sensibilización.

Por outra banda, para previr os trastornos mentais en idades temperás é importante involucrar ás familias e ás institucións educativas na etapa de prevención, desenvolvendo técnicas de detección temperá, intervención precoz e un clima relacional positivo e saudable no contexto educativo, familiar e social. Para iso, é preciso o investimento de recursos humanos e económicos, ademais de fomentar vínculos intersectoriais que permitan traballar conxuntamente aos diferentes sectores implicados.

Por tanto, aproveitamos a conmemoración do Día Mundial da Saúde Mental para recordar que a protección da saúde mental da infancia e a xuventude é deber de toda a sociedade, e que debe ter un espazo relevante a axenda política coa fin de reverter a advertencia da OMS que indica que os problemas de saúde mental serán a primeira causa de discapacidade en 2030.

Saúde Mental A Mariña

A Asociación Saúde Mental A Mariña naceu en 1999 e foi fundada por familias afectadas por problemas de saúde mental que uniron os seus esforzos para loitar por un obxectivo común: lograr que aos enfermos mentais e ás súas familias se lles preste unha axuda e asistencia continuada, buscando a integración dos mesmos na sociedade e traballando, para iso, na súa rehabilitación Psico-social e Laboral.

Actualmente conta con máis de 200 socios colaboradores e con 120 usuari@s, que se benefician dos servizos prestados nos Centros de Rehabilitación Psico-social e Laboral de Burela , de Ribadeo e de Viveiro, tamén no piso protexido sito en Burela, na vivenda tutelada para mulleres vítimas de violencia de xénero e na Unidade Residencial de Cervo.

*María José Nóvoa é directora técnica xeral/xerente de Saúde Mental A Mariña