«Nunca participei nun rali, vai ser o meu debut, estou nervioso, pero con moita ilusión»
A MARIÑA
Ánxel Vizoso López, piloto de Viveiro que se estrenará no Rali San Froilán, adestrou co Yaris que conducirá e con Antonio Solórzano, que exercerá de copiloto
06 oct 2022 . Actualizado a las 14:33 h.Conta Ánxel Vizoso López (Xunqueira-Viveiro, 1997) que no 2013, durante as festas do seu barrio, pediulle a un primo que acababa de quitar o carné que o levase a Muras para presenciar o Rali San Froilán. Do 14 ao 16 deste mes, o viveirense participará na 44 edición da competición automobilística ao ser o gañador do concurso Volante Deputación.
—Achégase o Rali San Froilán. Como se sente?
—Pois un pouco nervioso, non o podo negar. Nunca corrín un rali e non sei como se me vai dar, todo é novo. Pero aparellados aos nervios, teño moita ilusión. Só convivir uns días coa xente do mundo do motor é unha pasada.
—Fixo probas no circuito da Pastoriza para irse adaptando ao coche e tamén a conducir con copiloto.
—Practiquei as notas con Antonio Solórzano, da PTC Escuela, que vai ir de copiloto. Díxome que me vía ben, pero igual ata me perdo na primeira curva (ri). Agora queda só ir a Lugo a recoñecer os tramos. Acordar cales imos anotar como dereita 6, por exemplo, que son as máis abertas, para que el a cante no percorrido. Hai moitas cousas máis, pero iso é o básico.
—Nos ralis, a coordinación entre copiloto e condutor é fundamental.
—Neste caso teño toda a confianza no copiloto, seguro que a parte dos dous que máis falla son eu (ri).
—Que lle apetece máis, probarse como piloto ou vivir o rali desde dentro, con deportistas que admira?
—Vivir o ambiente desde dentro é o que máis me apetece. Hai pilotos aos que ía facer fotos hai anos e agora vou correr con eles. Eu nunca participei nunha carreira e non podo pensar que vaia competir. Conducirei un Toyota Yaris duns 100 cabalos, que será dos coches menos potentes, aínda que conta cunha suspensión moi boa. Non se trata de disputar ningunha copa, ofrécenme a posibilidade de vivir un rali desde dentro e vou tentar desfrutalo ao máximo, acabalo e facelo o mellor que poida. E sobre todo non perderme ou romper o coche (ri).
—O Rali San Froilán é unha auténtica referencia, unha das probas máis lonxevas de España.
—A verdade é que si. Fun velo no 2013, un dos primeiros que puiden presenciar en directo, e mira, agora vouno correr.
—Desde cando segue o motor?
—Os coches gústanme desde pequeno. Lémbrome de ver a Carlos Sainz pola tele no World Rally Car, pero acórdome de pouco. O que máis seguín foi o campionato Galego, e tamén algo do Nacional. Medrei vendo a Senra, tamén ao fillo, a Carracedo ou Grille. Este último tivera un gran detalle. Eu tiña unha conta para seguir os ralis e fíxenlle unha entrevista. Ao rematar a competición chamounos a varios que tiñamos webs e blogs sobre o mundo do motor e díxonos: «Como non cobrades nada por isto, vóuvolo agradecer así». E levounos á Pastoriza a dar unha volta no seu coche de competir. O ambiente dos ralis é espectacular, e a xente é espectacular.
—Ve posible competir habitualmente no futuro?
—É complicado, porque é difícil atopar un patrocinio e é caro. Aforrar ou quitarte das vacacións igual che dá para participar nun par de probas, pero non para competir todo o ano.
—Vostede gañou o Volante Deputación entre 160 aspirantes, o que lle deu dereito a participar no rali. Que lle parece esta iniciativa?
—Unha pasada. Concursar, de balde, e ter este premio... Esgotáronse prazas e igual para o ano teñen que facer dúas quendas (ri).