«Nesta actividade descóbrense mundos que non están ao alcance de calquera»

María Cuadrado Fernández
MARÍA CUADRADO FOZ / LA VOZ

A MARIÑA

Cedida

O mariñao Gonzalo Villarmea enumera varios retos agora á fronte da Federación Galega de Espeleoloxía

26 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O mariñao Gonzalo Villarmea Carreiras (Mondoñedo, 1978) foi elixido o pasado 28 de agosto presidente da Federación Galega de Espeleoloxía para o período 2022-2026. Anteriormente desempeñaba o cargo de secretario despois de ter sido responsable de refuxios, tesoureiro... Colle unha FGE que suma entre 550 e 600 licenzas e que ten dúas sedes situadas en puntos ben distantes: a social en Vigo e a administrativa en Mondoñedo.

—Que obxectivos se marcan?

—Finalizar o Atlas de Cavidades e Canóns de Galicia, que é o gran proxecto no que está traballando a federación e despois, conseguir un maior número de licenzas nos tramos de idade dos máis novos. Temos a poboación espeleolóxica envellecida [sorrí]. A media de idade dos asociados da federación é de 45 anos.

—Buscan darlle savia nova... De que maneira?

—Temos presente, pasado e ao futuro temos que darlle un empuxón. Estamos preparando un proxecto para entrar no plan Xogade con actividades puntuais e con programas dentro de escolas deportivas con colexios. Esperamos este ano formalizar coas de Mondoñedo e tamén co colexio Martínez Otero de Foz, a modo de experiencias piloto.

—Goza de boa saúde a práctica da espeleoloxía?

—Non se pode dicir que estea de moda porque por desgraza na prensa, sobre todo na deportiva, case só saimos si hai accidentes. Penso que estamos alonxados do coñecemento do público en xeral. En deportes todo é fútbol, fútbol, fútbol... e esta é unha disciplina bastante descoñecida. Si é certo que desde que se proba, se quere repetir.

—Por que cre que pasa iso?

—Porque é unha actividade que non ten o «glamour» que teñen outras e o colectivo é un pouco pechado en si mesmo. Esas actitudes témolas que ir corrixindo porque senón non imos acadar renovación xeracional.

—Hai que ter algunha dote especial para practicar espeleoloxía?

—Só hai que ter curiosidade e ser unha persoa cabal disposta a entrar nun club para formarse e seguir evolucionando. É unha actividade deportiva o máis segura posible a través da que se descobren mundos que non están ao alcance de calquera.

—Hai afección en Galicia?

—A FGE —constituída o 30 de maio de 1981— xa estaba dentro dos comités rexionais de espeleoloxía. En Galicia sempre chamou a atención. As primeiras expedicións de documentación de covas datan do século XIX con Villaamil y Castro en Mondoñedo. Sempre foi unha actividade con certa tradición.

—En que fase está o Atlas ao que antes facía referencia?

—Este ano estamos co desenrolo e facendo as primeiras probas da aplicación móbil. Xa está a plataforma web funcionando. Queda despois a parte da revisión das topografías das covas, que é moi importante. Todo este proxecto leva aparellado que a documentación da cova se poda xeorreferenciar. É a parte máis complexa e máis longa. Por exemplo, en Rei Cintolo estase facendo, pero leva moito tempo. Imos en oito quilómetros de cova xeorrefenciada.

«Traballamos nun proxecto de congreso médico que se celebrará en Mondoñedo»

—Como levan o proxecto do Espeleoparque da Mariña?

—Arrancou este ano cunha experiencia piloto na que participaron rapaces en Mondoñedo. Temos pensado vincular o Xogade ao espeleoparque e as rutas están definidas. O que máis verde está é o das furnas da costa. O GDR Terras da Miranda é o impulsor e sabemos que tamén hai interese doutro GDR de incorporar tamén á Pontenova amais a zona da Fonsagrada.

—Que lle aporta á comarca?

—É unha experiencia novidosa que será exportable a outros puntos e que aquí serve para dinamizar turística, cultural e formativamente A Mariña. Permite promover actividades no ámbito do turismo, da formación... Por exemplo, personal do campus de Ourense, da Universidade de Vigo, estivo no Espeleoparque facendo rutas a nivel formativo. Permítenos proporcionar unha ferramenta turística ás empresas de turismo e dar a coñecer o patrimonio e a actividade espeleolóxicos.

—Algún outro proxecto no que traballen e podan avanzar?

—Estamos pensando nun proxecto, pero agora mesmo está moi verde. O que si podemos anticipar é que para o 2023 estamos xa traballando nun proxecto interesante e que é un congreso médico de espeleoloxía que se celebrará en Mondoñedo a finais do vindeiro verán ou a principios do outono.

—Mondoñedo esperta interese entre os espeleólogos a nivel nacional...

—Sabemos que hai intencións de que en vindeiras datas o Consejo Superior de Deportes (CDS) aprobe a nova Federación Española de Espeleología y Descenso de Cañones, que ten a sede en Mondoñedo.