Sons de Celeiro cumpre unha década cantándolle ás xentes do mar

Lucía Rey
lucía rey VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

A raíz da pandemia do coronavirus, Sons de Celeiro comezou a ensaiar na igrexa parroquial de Celeiro
A raíz da pandemia do coronavirus, Sons de Celeiro comezou a ensaiar na igrexa parroquial de Celeiro PEPA LOSADA

O grupo naceu no 2012 para retomar a tradición musical vocal do pobo mariñeiro

23 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

«De base musical só temos un teclado, unha guitarra e unha armónica porque non queremos cargar o escenario de instrumentos, senón que queremos que resalten as nosas voces porque o noso son as voces», destaca Antonio Fernández, membro de Sons de Celeiro, o grupo de voces que este mes cumpre unha década. Animado polo que daquela era presidente do colectivo Chilindrín-Penalba, Bernardo Fraga, co obxectivo de tomar dalgún xeito o relevo da coral polifónica que nos anos oitenta houbera neste pobo mariñeiro, en setembro do 2012 Daniel Caxete comezou a xestar o soño de Sons de Celeiro. «Contactou comigo e con 7 ou 8 máis e axiña nos reunímos unha vintena de persoas de diferentes idades, homes e mulleres, mariñeiros, xubilados, amas de casa, estudantes...; e en xuño do 2013 presentámonos na Casa do Forno con grande éxito», recorda Fernández.

Unha década despois, o repertorio de Sons de Celeiro, que agora é asociación musical, supera as 120 cancións das que unhas 40 foron compostas por Caxete, que tocou en Xistra, Doble Fila ou Agua Marina, ademais de ser cantautor. «É un luxo que ademais de boleros ou habaneras de sempre, teñamos cancións como O barco, compostas por Caxete», apunta Fernández. Sons de Celeiro ten publicado dous discos (Cantares, no 2015; e Cantar ben ou non cantar, no 2018). A partir do primeiro, o seu radio de actuación estendeuse fóra de Viveiro e teñen actuado en San Cibrao, Foz, Ortigueira, O Vicedo, Alfoz, Cedeira e pobos de Asturias, entre outros, así como en varios programas televisivos. Destacan que os dous directores, Caxete e Antonio Docampo, «nunca cobraron un peso», senón que desenvolven unha gran labor musical de maneira altruísta. Tamén subliñan que o grupo, que ensaia na igrexa de Celeiro, se autofinancia e non percibe ningún tipo de subvención pública.

O grupo celebrará o sábado ás 21.30 na igrexa de Celeiro un festival de aniversario

Ás 21.00 horas deste sábado, 24 de setembro, dará comezo na igrexa parroquial de Celeiro o festival co que Sons de Celeiro celebrará o seu décimo aniversario. A entrada será gratuíta, pero poderase entregar un donativo que será destinado a Cáritas Parroquial. Actuarán como invitados a Rondalla de Cedeira, Mar Aberto de Foz e o cantautor Javier Chingla, tamén de Foz. «Seguimos coa unión e o compromiso que temos desde o principio e imos procurar seguir no nivel no que estamos, tratando de gustar ó público en xeral e facendo, dunha maneira sinxela pero coa máxima profesionalidade que poidamos, unha homenaxe a estas cancións para que non se perda a tradición dos pobos mariñeiros», subliña Antonio Fernández.

«Irmandade»

Sons de Celeiro, que ten actualmente 14 integrantes, dos que 4 son mulleres e 10 son homes, está preparando o seu terceiro disco no que renderá, entre outros, unha homenaxe a Los Tamara. «O mellor de todo isto é a relación de compromiso, de amizade, en definitiva, de irmandade que temos entre nós», apuntan Fernández e Caxete.