Emotiva homenaxe por sorpresa na TVG ao profesor Bernardo Penabade, do IES Perdouro de Burela

La Voz BURELA / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

Polo seu traballo a prol dun ensino inclusivo e en favor do idioma galego

07 sep 2022 . Actualizado a las 21:53 h.

O profesor Bernardo Penabade, do IES Perdouro de Burela, recibiu este luns unha emotiva homenaxe na TVG, no programa Quen anda aí?. B. Penabade foi profesor no seu día de Roberto Vilar, humorista e presentador da Televisión de Galicia, natural de Xove. Con ese motivo foi convidado este lunes ao programa, pero non agardaba a sorpresa que lle tiñan reservada: Karina Parga, profesora tamén do IES Perdouro e exalumnos como Laura Ramos ou Lucía Rivas entre outros, ofrecéronlle unha homenaxe en recoñecemento ao seu labor de tantos anos a prol do ensino inclusivo e do noso idioma, o galego, do cal imparte clase.

Bernardo Penabade non puido evitar a emoción pola sorpresa. Roberto Vilar lembrou que foi o profesor Penabade quen o levou no seu coche ata a CRTVG para formarse e prepararse no sector Audiovisual cando suspendera Matemáticas en setembro, en COU, e non puido acceder á universidade. Acto que lle agradeceu publicamente diante das cámaras ao profesor Penabade porque aquilo cambiou a súa vida, confesou.

Tamén falaron exalumnos como Laura Ramos ou Lucía Rivas, tamén un mozo de Cabo Verde, ademais de Karina Parga. Todos agradeceron o traballo e o esforzo de Bernardo Penabade, impulsor amais do Proxecto Neo. Desde o programa de radio, "que nos fai sentir como se formásemos parte dunha mesma familia", sinalou un mozo, que emiten desde Burela, fan un traballo moi importante de apoio ao galego. O profesor Bernardo Penabade, sempre afable, accesible e disposto a axudar, amosouse emocionado e agradecido.