As San Lucas de Mondoñedo (carta de despedida)

MIGUEL SOUTO

A MARIÑA

PEPA LOSADA

24 ago 2022 . Actualizado a las 14:29 h.

 Teño o total convencemento de que As San Lucas de Mondoñedo conforman a mellor imaxe coa que a nosa cidade se presenta ao mundo. Son feira, son festa, son arte, son cultura e, por suposto, son tradición. 866 anos de historia ininterrompida dende 1156.

 Formei parte da actual Asociación organizadora das San Lucas dende a súa creación e tiven o orgullo e a responsabilidade de presidila dende o ano 2012. Unha década na que traballei e traballamos co compromiso que implicaba estar ante a organización do que considero o espectáculo etnográfico máis importante de Galicia e un dos que conta con máis tradición de Europa.

 Buscamos achegar este encontro fóra da provincia, das nosas fronteiras e que todos os galegos e as galegas as sentisen súas e as desfrutasen. Evolucionamos ao longo destes anos a través de programas que engrandeceran e potenciaran as nosas feiras, mantendo sempre a súa esencia: o cabalo como o epicentro; ao mesmo tempo que sumábamos novas actividades culturais, literarias e artísticas. Nun dos peores contextos co que nos puidemos atopar, o da pandemia, As San Lucas nunca se detiveron, sabendo adaptarnos ás circunstancias que nos rodeaban.

 Hoxe despídome desta función, coa satisfacción de darlle o mellor de min ás San Lucas. Pese a ter tomada esta decisión dende o 2020, non quixen materializala por responsabilidade ata pasada a pandemia. Unha vez comunicada en xuño a miña non continuidade como presidente, seguín a cumprir ata a semana pasada, data en que se aprobou a nova directiva, coas responsabilidades intrínsecas a un cargo que non che permite parar ao longo do ano. Compráceme ceder o posto, deixando unha Asociación organizada, ao día e con recursos para afrontar as vindeiras San Lucas. Por suposto, tamén pido desculpas ante os erros que puidese ter, foron sempre buscando o mellor para As San Lucas e para Mondoñedo. 

Non quero despedirme, sen trasladar o meu agradecemento persoal a todos os veciños e veciñas, así como aos visitantes, comerciantes e turistas por crer, apoiar e desfrutar das San Lucas. Tamén quero agradecer ás persoas coas que me atopei ao longo destes anos, coas que traballei conxuntamente para que cada 18 de outubro Mondoñedo volva a ser a capital que foi no Antigo Reino de Galicia. 

E, por suposto, deséxolle o mellor aos meus compañeiros, que asumen agora esta responsabilidade, coñecedores da importancia das San Lucas e implicados con estas festas dende xa fai anos. Para eles, que veñan os maiores dos acertos no seu camiño, que permitirán que As San Lucas continúen a ser un referente europeo.