Mari Carmen Lage vai ser este venres a pregoeira da feira do libro en Viveiro. Alégrome, sinceramente, ninguén mellor; ela viviu e vive dedicada aos libros. Non só se ocupou da venda de libros no seu negocio de toda a vida (desde que a coñezo polo menos, van xa moitos anos), a libraría Porta da Vila; tamén le, por vocación e interés. E iso cumpre destacalo; vive a lectura con paixón, seino, e iso é unha forma de abrir máis ventás á vida.
A libraría Porta da Vila é unha referencia para quen merque literatura, e en particular tamén literatura galega. Iso ten o seu mérito, hai librarías nas cidades que teñen menos catálogo en galego. Coñecina cando a libraría estaba aínda onda a Porta da Vila, de aí o seu nome, e vin como foi medrando e modernizándose da man de Mari Carmen Lage (lembranza tamén para Xosé). Seguro que non foi fácil. Mari Carmen estaba e está sempre aberta a iniciativas culturais, presentacións de libros, etc, e ?por suposto- da súa man e coa súa dedicación foi tomando cada vez máis corpo e forma a feira do libro en Viveiro. Por iso ninguén mellor ca ela para pregoar esta festa.
Fixo ben Espazo Lector Nobel en manter o nome da libraría de referencia: Porta da Vila. Porque detrás, sabémolo, está o esforzo de toda unha vida de Mari Carmen Lage a prol dos libros. Aínda agora, xubilada, segue a ser unha lectora atenta e esixente, seino ben, demostroumo unha vez máis cando presentei hai mes e medio “O negociador” na libraría Porta da Vila. Lecturas como a súa enriquecen tamén a quen escribe.
Porque escribe ben moita xente, pero a escrita nun determinado momento debe tomar altura, como un avión cando despega, e mantela durante todo o voo: aí está a gran dificultade. Un sabe se foi quen de lle dar a altura debida grazas ás lectoras e lectores como ela, que che dan a referencia.
Unha aperta afectuosa.