O debate segue sen pecharse, porque o Instituto Xeográfico Nacional deberá volver a valorar a petición do Principado de Asturias sobre a cooficialidade
27 may 2022 . Actualizado a las 17:36 h.
O topónimo Ría de Ribadeo volve a ser o único oficial, de momento. Así o vén de decidir a Subsecrataría de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, estimando parcialmente os recursos interpostos polo Concello de Ribadeo, a Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo e varias asociacións contra a resolución da Dirección General do Instituto Geográfico Nacional que, a instancias do Principado de Asturias, aprobou fai uns meses a cooficialidade co topónimo Ría del Eo. Pero o debate non está pechado, porque o que vén de facer o Ministerio é anular a resolución recorrida (a da cooficialidade dos topónimos ría del Eo/ría de Ribadeo) e ordear retrotraer as actuacións ó momento previo á solicitude do informe por parte do Principado á Comisión Especializada de Nombres Geográficos (GENG), para que esta comisión emita un novo informe "que contenga una motivación suficiente", que xustifique a decisión que, finalmente, adopte.
Os recursos foron presentados polo Concello de Ribadeo, a Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia, por Evaristo Lombardero Rico en nome da Plataforma pola Defensa da Ría de Ribadeo, e por Francisco José Campos Dorado, en nome e representación da Plataforma de Marinos de Ribadeo.
Nunha primeira valoración, o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez (BNG), aludiu a irregularidades na tramitación do procedemento a instancias do Principado de Asturias e lembrou que as rías levan o nome da poboación mais importante ao longo da historia. Dende o PP local, Daniel Vega, tamén expresou a súa ledicia porque o Goberno -dixo- rectificase a súa decisión e de novo Ría de Ribadeo sexa o único topónimo oficial.