Demasiada normativa (fartura)

MARCO LÓPEZ CORPO DE ADMINISTRACIÓN DA XUSTIZA

A MARIÑA

PEPA LOSADA

26 may 2022 . Actualizado a las 11:39 h.

En canto asoma unha raiola deste preguiceiro sol do norte, o paseo fluvial á beira do río Landro énchese de paseantes cunha ansia tola por consumir vitamina D, tan necesaria para manter unha estrutura ósea forte, ademais de mellorar o estado anímico e xerar benestar.

Un pícaro avanza subido nun patinete cun coidado que chama a atención. A roda de diante méteselle na regaña dunha das placas graníticas do chan, tropeza e cae case a cámara lenta. Non se manca, non chora, tampouco se ergue. Mira para min e sorrí. Semella ser coñecedor de algo que eu non chego a comprender. Dúas persoas aparecen correndo a canto máis dan. Bótanse enriba do neno e levántano coma se o chan queimara, ou roera, ou ortigara.

Ao meu carón pasan dúas señoras de idade avanzada camiñando devagar. Van de ganchete. Coa mesma, unha delas recoméndalle ao cativo, falándolle ao aire: «Hai que andar amoooodo!». A outra limítase a sinalar retranqueira: «Muller, máis amodo non podía ir».

O pícaro non se moveu porque esperaba que o ergueran. Agardou sabedor de que aquela xente que viña por detrás del acudiría para poñelo en pé de novo, subilo no patinete e, ala!, a seguir brincando. O neno nin sequera manchou a roupa. Simplemente tropezou e foi incapaz de facer o máis mínimo esforzo por levantarse.

A sobreprotección infantil non figura regulada en ningunha norma, aínda que podería estalo, porque este tipo de situacións crea adultos con problemas sociais e emocionais graves. De certo, existen outras banalidades moito máis grandes sobre as que se ten lexislado. Pero é mellor calar a boca, non vaia ser que co degoiro de promulgar unha nova lei rechamante, haxa alguén que queira confundir un pouco máis a fronteira entre o reproche ético e a sanción. Probablemente se acabaría encadrando este exemplo como “incitación ao pailaroquismo infantil coa agravante de parentesco”. Algo así, un pouco retórico, coa única finalidade de querer quedar ben diante das masas.

Todos temos soñado algunha vez con que as autoridades castigaran actitudes que non nos parecen nin medio normais a nivel moral. O que pasa é que unha excesiva regulación non reverte nunha sociedade mellor. Máis ben ao revés, a opulencia lexislativa acaba por confundirnos e crea inseguridade; xusto o efecto contrario do pretendido.

O ordenamento xurídico en xeral deberíase analizar desde a súa eficiencia, utilidade e congruencia. Cando as normas se volven demasiado minuciosas, convértense nunha ferramenta inútil pola súa incapacidade de adaptación ás múltiples variables que se poden dar. Co paso do tempo, resulta un paradoxo comprobar como unha regulación ríxida remata por converterse nunha obriga inxusta.

De modo que haberá que ir deixando que os pícaros aprendan a erguerse por si mesmos cando non se manquen, para que de grandes se convertan en persoas cunha alta autoestima e tolerancia á frustración. Así, no futuro, ao mellor acaba sendo innecesario ter que regular cada paso que queiran dar.