Últimos días para presentarse ao Premio Afundación de Xornalismo Francisco Fernández del Riego, dotado con 10.000 euros

y. g. LOURENZA/LA VOZ

A MARIÑA

XOAN CARLOS GIL

24 may 2022 . Actualizado a las 17:27 h.

Afundación, Obra Social de Abanca, comunica que queda pouco para que venza o prazo de presentación de artigos incluidos no xornalismo literario ou no de artigo de opinión ao XIX Premio Afundación de Xornalismo Francisco Fernández del Riego, para textos que fosen publicados entre o 1 de xaneiro e o 21 de decembro de 2021 en «calquera medio de comunicación, impreso ou dixital, de cabeceiras recoñecidas». O galardón está dotado con 10.000 euros.

O certamen leva o nome do ensaísta, narrador, editor e xornalista nado en Vilanova de Lourenzá en 1913 (morreu en Vigo en 2010). Fernández del Riego pertenceu ao Grupo Nós e ao Seminario de Estudos Galegos, tamén foi membro do Partido Galeguista e incluso animador de programas en lingua galega na BBC, cofundador da Editorial Galaxia e codirector da revista Grial. Ata finais de 2009 dirixiu a biblioteca da Fundación Penzol.

«O Premio de Xornalismo en lingua galega Francisco Fernández del Riego naceu coa vocación decidida de animar e impulsar o uso do idioma galego nos medios de comunicación, ao tempo que recoñece a tradición literaria e xornalística dos escritores que utilizaron e utilizan a nosa lingua na prensa», indican dende Afundación. « A figura de Fernández del Riego _proseguen_ reúne as características esenciais que inspiran esta convocatoria: identidade coa lingua galega, espírito aberto e universal, compromiso ético e presenza activa no xornalismo, no que dirixiu e animou iniciativas moi diversas».