Julio López Quiroga, policía retirado burelense: «Hai que despexar as dúbidas cando tes unha segunda oportunidade na vida»

y. garcia BURELA/LA VOZ

A MARIÑA

CEDIDA

Publica nova novela, «El callejón de mis sombras», despois de «Y un día desperté» que lanzou tras sufrir un episodio de morte súbita en A Coruña pero sen ser autobiográfica

10 ene 2024 . Actualizado a las 21:04 h.

En 2020, o policía nacional retirado burelense Julio López Quiroga publicaba a súa primeira novela que, ao contrario do que se poidera pensar polo título, nada tiña de autobiográfica porque o argumento de Y un día desperté (2020) realmente era moi anterior ao episodio que marcou a súa vida un 14 de agosto de 2012, cando pasou catro minutos inconsciente na piscina coruñesa de San Diego precisando reanimación e reencontrándose máis tarde cos socorristas que lle salvaran a vida. Publica segundo libro, El callejón de mis sombras, mestura de «novela negra-psico-romántica», a etiqueta que lle pon o autor.

—Que diferenzas se poden apreciar entre a primeira e esta novela?

—A primeira era a novela que tiña na cabeza de facer dende pequeno. Como foi bastante ben aceptada, decidín intentar escribir outra novela pero partindo de cero. Así, foi xurdindo unha historia que trata temas relacionados coa miña vida de policía, de cando falaba con personas con drogadicción ou que sufrían maltrato nas casas, etcétera. Trata, un pouco, das sombras, como di o título. Todos temos esa ‘sombra’ que a veces rebatimos, cando dicimos ‘eu non son así’ ou ‘eu non fixen isto’. O personaxe da novela dedícase a darlle luz a esas sombras e non crer todo o que lle pasou na vida. Nese traxecto hai un recordatorio, pequenos flash-backs. El é unha persoa normal e corrente, con cousas que lle poden pasar a calquera. Toco temas de alcoolismo, drogadicción, crise laboral... Hai un pouco de todo. Quixen plasmar algo do que pasa na sociedade de hoxendía.

—Como foi policía e viviu tamén aquel feito de morte súbita, que vai de Julio López nesta obra?

—Como me pasou o que me pasou e tiven unha segunda oportunidade, vai o de non ter demasiados filtros, soltar o que sentes, dicir a verdade. E se hai dúbidas, intentar despexalas, non quedarse con elas porque matan ao final. ‘Después de las sombras siempre puede haber una luz’ é a frase.

—Despois daquela experiencia que tivo, que puido contar, e tendo en conta que nos toca vivir unha pandemia, volveuse máis espiritual ou non necesariamente?

—O que son é sentimental. Non me poño a pensar en se hai un Deus ou non. Creo no que vexo e catalógome como agnóstico. Na miña familia tamén o pasamos mal co coronavirus (pensei que me morría a muller) pero recuperámonos. Puiden seguir coa novela e, de feito, acabeina cando estiven confinado só na casa durante sete días, sentado na cama co ordenador. Se non fora por iso, ao mellor ainda estaba intentando terminala agora.

«Vivo o presente porque xa tiven dúas experiencias bastante fastidiadas. Asusteime moito da primeira, a da morte súbita, cando me puxeran o desfibrilador e me xubilaron de policía»

—Vive día a día ou planifica?

—Aínda que digas que vives día a día, involutariamente fas plans, xa só pensando en mañá. A longo prazo os plans non me gustan, pero cando a miña muller contrata unha viaxe sempre lle digo ‘mira con dereito a devolución por anulación’, porque hai que ser precavidos.

—Sen embargo, si que deberiamos vivir máis o tempo presente...

—Eu vivo o presente porque xa tiven dúas experiencias bastante fastidiadas. Asusteime moito da primeira, a da morte súbita, cando me puxeran o desfibrilador e despois me xubilaron como policía. Foi a muller a que me animou a escribir a primeira novela, que todo o mundo pensaba que estaba basada naquilo. O meu soño cumplino con esa, que era escribir unha novela, hai dous anos. Esta nova é un desexo.

—Haberá unha terceira?

—Xa estiven en Burela sacando fotos, documentándome porque quero facer unha novela basada en Burela, de tema mariñeiro, con turistas, algo policiaca tamén, cun amor homosexual, un asasinato... Teño o argumento na cabeza. Pero antes de volver publicar, estou liado cunha historia de relatos, para publicar en Italia e España; é unha coedición.