David Fara, músico de 36 anos formado en Cacharela de Covas, toca no grupo de A Mariña e Ortegal que este ano colleita o aplauso de crítica e público
19 may 2022 . Actualizado a las 11:19 h.
Recoñece David Fara que «por desgraza, da música viven poucos». De aí que este viveirense de 36 anos compaxine o traballo, os ensaios e os concertos de Covagueira, a banda folk formada entre terras da Mariña lucense e Ortegal que está conquistando a crítica e público na especie de «volta á normalidade» que está vivindo a sociedade tras o coronavirus, co seu traballo como peixeiro en Farapesca, a empresa familiar que opera desde o porto de Celeiro. «Oxalá a música dera para vivir, pero non dá, e traballo na empresa familiar, que se dedica a comprar e exportar peixe», comenta o músico, que comezou a tocar a gaita «con sete ou oito anos» na Escola de Gaitas Cacharela de Covas. De alí pasou á escola de Ortigueira, onde coincidiu con Bruno Lozano (percusión), Álex Fernández (harmónica), Pablo Martínez (teclado) e Xavi Maciñeira (baixo).
«Temos temas propios e todo o mundo nos está pedindo algo gravado; cando pase o verán o propósito que temos é de gravar algo», David Fara, compoñente de Covagueira
Os cinco formaron no 2018 Covagueira co soño de mostrar a súa música ó público en directo. Compoñen temas propios, como «Pra Xián», que Fara dedica ó seu fillo de 5 anos; e tamén versionan temas de grupos nórdicos «que non son habituais aquí», como Míster Klof ou Frigg. «Queríamos facer, tocar algo do que tiñamos na cabeza», conta o gaiteiro viveirense. O grupo participou con grande éxito hai uns días na Foliada de Cervo, na Praza do Souto. «Querémoslle agradecer a Sargadelos e a Fol do Raxal que nos convidasen. Sempre nos tratan como se fósemos da casa», recoñece un gaiteiro que lamenta que «pola zona de Viveiro», a súa terra natal, non conten con eles «para nada». «E iso que se poderían facer cousas», reflexiona. Proba dese bo facer é que Covagueira actuará no palco principal do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira o vindeiro mes de xullo. «Para tocar aí non chaman a calquera», sinala o músico.
Concerto en Cantabria
Logo de tocar en festexos ou bares en Ortigueira, O Barqueiro, Ferrol, Muras ou Cabuérniga (Cantabria), entre outros, o 5 de xuño actuarán nunha sala de concertos de Ferrol. «Ensaiamos case todos os sábados», comenta Fara, que di que por agora difunden os seus traballos a través de redes sociais como Instagram e Facebook. Con todo, o seu soño é gravar un disco. «Todo o mundo nos pide algo gravado, e o propósito que temos é facer algo cando pase o verán porque por agora só temos gravacións co móbil ou para as redes sociais», avanza.