8 de maio: Victory in Europe

Herminia Pernas (Profesora de Historia de Burela) PROFESORA DE HISTORIA DE BURELA

A MARIÑA

Nastya Telikova

09 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Todos os anos nos sorprende esta data estudando a 2ª Guerra Mundial; pero este curso é distinto. En puridade, todo é diferente desde a Gran Recesión de 2008. Antes estudabamos os acontecementos pasados porque tocaba e punto; no presente ano académico, aínda que seguen formando parte do currículo, estudámolos con sentimento e pensando que nos podería ter tocado tamén a nós. Ao respecto, chaman a atención os comentarios que realizou en voz alta e con xesto serio un alumno, ao tempo que ollaba para as compañeiras ucraínas coas que comparte aula: “Está o forno para bolos como para celebrar algo así! Pero que van conmemorar se a volveron liar?! Houbo dúas guerras mundiais e seguimos sen aprender!”.

Un dos recursos que empregamos na clase é a columna que o profesor Oleksandr Pronkevych escribe para La Voz de Galicia, dedicada esta semana á Historia do Día da Vitoria en Europa. O alumnado, ao igual que o citado profesor, coinciden en sinalar que é un absurdo a súa celebración porque xa non ten sentido. Malia todo, entenden que se teña celebrado, e siga a facerse, na maioría dos países europeos que estiveron implicados na guerra; tamén lles pareceu moi ben que Estados Unidos fose máis contido nesa celebración, polo loito ante o pasamento do presidente F.D. Roosevelt e porque aínda non remataran os combates na área do Pacífico, e que na actualidade tampouco a celebre con demasiado entusiasmo. O que lles parece inaudito é o caso da URSS, xa que esa data non foi conmemorada ata que pasaron vinte anos; e tras a desaparición da Unión Soviética deixaron de facelo ata que en Rusia se retomou a lembranza de tal feito en 1995. En Europa Central e Oriental tamén o celebran. O noso alumnado coñece por contacto académico o caso da República Checa, ao que hai que sumar agora o de Ucraína, país que sufriu moitísimo coa invasión nazi.

Entón, volvendo ao noso debate sobre se cómpre celebrar esa data ou non, velaí algunhas das respostas que achegan os propios alumnos. Un deles afirma que non hai razóns para lembrar ese aniversario, porque “é unha vitoria segundo quen a mire” e indica que “seguro que Putin a utiliza para presumir dos seus avances en Ucraína”. Outro rapaz chega á conclusión de que os distintos países “deberían utilizar esa data para reflexionar sobre o que levan facendo mal, xa que desde a última Guerra Mundial houbo outras contendas: a dos Balcáns, a de Chechenia e agora Ucraína”.