O club Egovarros organizará o sábado o primeiro duatlón escolar de Viveiro

La Voz VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

Noventa nenos nacidos entre o 2006 e o 2013 participarán na proba

04 may 2022 . Actualizado a las 21:33 h.

Viveiro acollerá este sábado, 7 de maio, o primeiro Duatlón Escolar Concello de Viveiro, organizado polo Club de Atletismo Egovarros. A presentación da proba deportiva tivo lugar este mércores nun acto no que participaron a alcaldesa, María Loureiro; o concelleiro de Deportes, César Iglesias Docal; o xefe do servizo provincial de Deportes de Lugo, Manuel Otero Méndez, e varios representantes do Egovarros de Viveiro, que preside Vicente Fernández e cuxo vicepresidente é Francisco Rodríguez.

A cita será proba clasificatoria para a final provincial de duatlón escolar de Lugo, dirixida a deportistas inscritos no programa Xogade, na actividade deportiva escolar de duatlón da provincia lucense. Os participantes competirán en catro categorías: benxamín, alevín, infantil, e cadete. O campionato desenvolverase nas inmediacións do campo de fútbol de Cantarrana, na isleta próxima á residencia de anciáns, e do local da Cruz Vermella, entre as 16.00 e as 19.00 horas. O prazo de inscrición cerrouse con 90 participantes, que cubrirán diferentes distancias en función da categoría na que compitan. Así, os benxamíns (nacidos en 2012 e 2013) farán primeiro 400 metros de carreira a pé, logo 2 quilómetros en bici e finalizarán con 200 metros de carreira a pé. Os alevíns (nacidos en 2010 e 2011) completarán 800 metros correndo, 4 quilómetros en bici e 400 correndo. Mentres, os infantís (anos 2008 e 2009) cubrirán 1.600 de carreira a pé, 5 quilómetros en bicicleta e 800 correndo. Finalmente, os cadetes (anos 2006 e 2007) correrán dous quilómetros, completarán 6 en bicicleta e finalizarán con un quilómetro correndo. Organizan a proba a Secretaría Xeral para o Deporte e a Federación de Triatlón en colaboración con Egovarros, o Concello, Protección Civil e Policía Local.