A nova sentenza sobre o acceso á Illa Pancha

Por Nuestro Faro

A MARIÑA

PEPA LOSADA

20 abr 2022 . Actualizado a las 20:47 h.

       O día 14 de abril de 2022 tivemos coñecemento da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia do día 22 de marzo anterior, que desestima o recurso da empresa concesionaria dos apartamentos da Illa Pancha contra a sentenza do Xuzgado nº2 do Contencioso Administrativo de Lugo favorable ó concello de Ribadeo que esixía a apertura ao público da porta de acceso. Dito así semella que a illa estará aberta aos veciños nos próximos días, pero de iso non hai indicios. Para que se entenda a situación, debemos lembrar que o concello concedeu a licenza de actividade dos apartamentos o día un de decembro de 2017, ca condición expresa de que a porta estivese aberta ao público sen limitacións. Sen embargo, pese as reiteradas denuncias do noso grupo de que a porta seguía pechada, o Sr. Alcalde negouse a aplicar a lei, suspender a licenza e pechar os apartamentos por incumprimento das mínimas condicións de seguridade do establecemento hostaleiro. E aquí chegamos a un punto decisivo que tanto o concello como os tribunais de xustiza eluden sistematicamente pese ás denuncias do noso grupo: O peche sistemático da porta da Illa Pancha non só incumpre as esixencias da Lei de Costas sobre o dereito de acceso da veciñanza á zona de servidume de tránsito, senón o que é moito mais grave, a barreira que supón a porta a ambulancias, equipos de extincións de incendios e outros servizos de este tipo. Aquí debemos suliñar unha vez mais que a connivencia entre o concello de Ribadeo e a Autoridade Portuaria do Ministerio de Fomento para privatizar a Illa Pancha bordea nunha responsabilidade criminal en caso de accidente, incendio ou imprevistos similares. Por eso cargar as tintas agora sobre a empresa concesionaria, que naturalmente ten a sua parte de responsabilidade, non deixa de ser unha artimaña para eludir o nó gordiano da cuestión, que é a decisión política do concello de Ribadeo e da Autoridade Portuaria de privatizar a Illa Pancha a calquera custe. 

Imos facer un breve reconto dos feitos para poñer ao dia ao lector non iniciado. 

1º- Entre 2013 e 2015 o Concello de Ribadeo e a Autoridade Portuaria consensuaron os procesos e os trámites para privatizar a Illa Pancha. 

2º- O día 1 de decembro de 2017 o Concello de Ribadeo concedeu a licenza de apertura dos apartamentos ca condición de que a porta de acceso estivese aberta ao público en xeral pero a porta seguiu pechada, con aperturas intermitentes, de onde se desprende que o concello non fixo nada práctico por esixir o cumprimento das condicións da licenza.