As gaitas de Cacharela de Covas, en Viveiro, «aguantan a duras penas» fronte a superheroes e regatón

Lucía Rey
lucía rey VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

Imaxe de parte dos alumnos da Escola de Gaitas Cacharela de Covas; o profesor, Rodrigo López (terceiro pola esquerda), leva 30 anos nela
Imaxe de parte dos alumnos da Escola de Gaitas Cacharela de Covas; o profesor, Rodrigo López (terceiro pola esquerda), leva 30 anos nela CEDIDA

A escola de música tradicional baixou de 25 a 10 alumnos desde o comezo da pandemia do covid

11 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha actividade que é sana e creativa, e que por riba crea espazos e tempos para compartir con outra xente: en definitiva, cultura. Aínda que os aspectos positivos da música tradicional son moitos, na comarca da Mariña cada vez son menos os nenos e rapaces que se animan a aprender a tocar instrumentos como a gaita, a pandeireta, o tambor, o bombo ou as cunchas, como explica o presidente da asociación Cacharela, de Covas, en Viveiro. A escola de gaitas do colectivo, que goza de moita sona desde hai décadas, «aguanta a duras penas» nunha época marcada polo coronavirus, os superheroes ou o regatón. «Os nenos cada vez teñen máis actividades, moita Playstation..., e senten máis paixón polos superheroes que pola cultura tradicional», reflexiona Héctor López López, que leva 25 dos 35 anos que ten en Cacharela. «Empecei ós dez anos e isto cambiou moitísimo. De ter todo o mundo ganas de ir ó grupo a non ter nenos. Cando empecei eran máis de vinte compoñentes, e a pandemia foi matadora. Agora mesmo somos dez persoas, con nenos entre os 5 e os 12 anos. Hai nenos moi pequenos ós que se lles dá moi ben», subliña.

«Hai xeneracións que están medrando sen saber o que é unha muiñeira porque a cultura galega queda sempre para o final aínda que é a nosa», Héctor López López, presidente da asociación Cacharela
«Os grupos de gaitas desapareceron das festas, das sardiñadas..., e a pandemia desfixo todo. Hai gaiteiros a ‘tutiplén’, pero non tocan en ningún lado», Rodrigo López Gómez, Profesor da Es. de Gaitas Cacharela

En idéntica liña se manifesta o profesor de Cacharela, Rodrigo López Gómez, que tamén dirixe a Escola de Gaitas de Ortigueira. «Levo trinta anos dando clase en Cacharela, desde os 16, e cheguei a ter unha banda de 40 persoas que gañaba concursos, pero a pandemia desfixo todo», lamenta, e detalla como, tras o parón derivado do covid, a escola de Cacharela pasou de 25 a 10 alumnos, a de As Pontes de 23 a 12, ou a de adultos de Ortigueira de máis de 20 a 4. «En Viveiro estiven un ano e oito meses sen dar clase, e a xente maior segue sen atreverse», reflexiona.

Charlas en colexios

Para tratar de fomentar a canteira, Héctor e Rodrigo mesmo deron charlas en colexios da zona, pero o resultado foi en parte desalentador posto que se anotaron á escola de gaitas poucos rapaces. «Cando empecei eramos catro cuartetos de gaiteiros de Ferrol a Ribadeo e tocabamos todo o verán. Logo, ata hai dez anos, houbo un bum enorme, con grupos de gaiteiros a tutiplén, pero desde entón o corenta por cento deles morreron. O pasotismo das comisións de festas é tremendo e a desfeita tamén. Entre dúos e disyóqueis, os gaiteiros desapareceron de todo, e iso que seguen cobrando moi pouco. Eu cobro o mesmo ou menos que hai vinte anos, e boa parte da culpa é da xente, que non o valora», expón López, que dirixiu o seu primeiro grupo no Folgueiro. «Ós nenos agora méteslles o amor pola gaita, pero non lles pidas que escoiten música de gaita. Nas clases teño unha caixa para gardar os móbiles porque se paras dez segundos xa o están mirando, é unha enfermidade...», abunda. Cacharela oferta clases de gaita, pandeireta, tambor, bombo e cunchas os sábados nas escolas vellas de Covas.

DE INTERESE:

Escola de Gaitas Cacharela de Covas. Oferta clase de pandeireta, gaita, tambor, bombo e cunchas.

Onde e cando. Nas escolas vellas de Covas todos os sábados pola tarde.

Entre 5 e 12 anos. A maioría dos alumnos da escola teñen esa idade actualmente.