«Tras 34 anos na docencia, dedicareime a tempo completo á miña paixón, debuxar»

Lucía Rey
lucía rey VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

Primitivo Marcos cambiará desde hoxe as clases de inglés polo lápiz e o papel para debuxar
Primitivo Marcos cambiará desde hoxe as clases de inglés polo lápiz e o papel para debuxar XAIME RAMALLAL

O debuxante Primitivo Marcos Ferreiro xubílase este xoves como profesor de inglés do IES María Sarmiento de Viveiro

31 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Este xoves, 31 de marzo do 2022, será por sempre unha data sinalada para Primitivo Marcos Ferreiro (Lugo, 1962). Coincidindo do seu sesaxésimo aniversario, xubílase como profesor de inglés no IES María Sarmiento de Viveiro, ó que chegou no curso 1992-1993. «Traballando para a Consellería na docencia levo 32 anos, pero na docencia en xeral levo 34 porque antes din clase en academias ou para o Vicerreitorado en Lugo», detalla quen foi autor da serie histórica de banda deseñada Aventura no Camiño de Santiago, ou colaborador no cómic «O Golfiño» que publicou en tempos La Voz de Galicia.

—A súa paixón é o debuxo, pero sempre deu clase de inglés?

—Din Inglés, aínda que ó principio din Lingua española e Literatura, e Ética, porque as tiña como afíns. De feito, a un profesor que hai no María Sarmiento dinlle clase de Lingua e Literatura española hai moitos anos en Sarria. Eu non me acordaba. E antes de vir para Viveiro, tamén din clase en Viana do Bolo, en Ourense.

—A piques de rematar unha etapa e iniciar outra, con que se queda destes anos como profesor?

—Quédome cun pouco de todo porque ademais este ano teño un alumnado moi bo, un deses grupos agradables para dar clase en cuarto da ESO, un ciclo medio e segundo dun grupo de adaptación. Vou botar de menos ós rapaces, tamén vou botar de menos ver diariamente ós compañeiros, esas conversas nos tempos de lecer, na sala de profesores... Estou desexando xubilarme, de feito é unha xubilación voluntaria, pero a medida que se achega estou dándome conta de que vou botar de menos cousas que non valoraba. Supoño que ó principio vai ser raro estar sempre como de fin de semana na casa.

«Estou facendo banda deseñada, adaptando para Galaxia unha novela de aventuras de Xabier Queipo, «O paso do noroeste», ambientada a finais do século XVIII», Primitivo Marcos, profesor que se xubila e debuxante

—A que se vai dedicar agora?

—Tras 34 anos na docencia, dedicareime a tempo completo á miña paixón, debuxar. Vou seguir traballando moitísimo porque a outra actividade que teño, que é a de debuxante, antes facíaa polas tardes, cando podía e me deixaba o traballo de clase, corrección de exercicios, exames, etcétera... Pero agora voulle dedicar unha xornada completa. Estaba desexando ter unha rutina nunha actividade que me gusta máis que a docencia, aínda que este ano estaba cun grupo agradable de traballar: rapaces moi riquiños, responsables, educados, traballadores a meirande parte deles..., pero era algo que desexaba...

—Pode avanzar algo dos proxectos nos que está metido?

—Estou facendo banda deseñada, adaptando a novela gráfica unha novela de aventuras ambientada a finais do século XVIII. Nela aparecen tamén barcos de guerra, mariños, esquimós, osos polares... Estou traballando un pouco na ambientación do libro que fixen para Viveiro, Viveiro 1810. Augas mortais [sobre o naufraxio da fragata Magdalena e o bergantín Palomo]. É un tema parecido a iso, pero moitísimo máis longo e todo de aventuras. Estou adaptando unha novela dun escritor galego publicada en Galicia e a nivel nacional. Chámase O paso do noroeste, e o autor é Xabier Queipo. Pediume hai un tempo se podía adaptar a novela e estámola adaptando xuntos. El fixo os textos e eu estou facendo o guión e demais. Dentro duns días voume dedicar de maneira exclusiva a rematar esta obra.

—Teñen algunha data prevista de publicación?

—Temos que entregala a finais de setembro porque imaxino que a editorial intentará publicala para Nadal. É un proxecto que estamos preparando para Galaxia.

—E ademais do debuxar, ten algún outro proxecto en mente?

—Dedicareime tamén a viaxar un pouco máis cando isto da pandemia se calme. E a pasear, facer exercicio..., e tamén darei algunha volta polo instituto para tomar café.