Ugia Pedreira, artista mariñá: «Impliquei o meu mapa emocional na creación de 'Segmento Cantábrico'»

La Voz

A MARIÑA

Ugia Pedreira, A Pedreira, nos estratos xeolóxicos da praia de Arnao
Ugia Pedreira, A Pedreira, nos estratos xeolóxicos da praia de Arnao ÓSCAR GORRIZ

Lanza primeiro disco en solitario, que presentou xa en Ribadeo e levará esta semana ao País Vasco, firmando artísticamente como A Pedreira

22 mar 2022 . Actualizado a las 10:01 h.

Segmento Cantábrico é o primeiro disco en solitario da artista focense Ugia Pedreira, quen firma esta nova etapa na súa carreira como A Pedreira. A gran estrea de dito traballo foi moi emotiva, no Ribadeo que máis veces ten gozado coa súa voz, este mes. Un traballo que a levará tamén esta semana á Facultade de Letras da Universidad del País Vasco, onde ofrecerá charla con recital.

—Como se sente ao dar a luz un traballo así e que grao de satisfacción lle produce o resultado?

—É o primeiro co meu nome. Contenta de levar o proceso coa equipa humán que tanto me entende e me apoia comezando polo productor o bretón Pierre-Yves Rougier, a posta en escena de Marina Oural, a pantalla e deseños tipográficos tan ben acaidos de Xavier Belho complementando a narrativa do disco. E moi tranquila en mans da empresa nai da xestión cultural galega Nordesia, con quen comecei alá polo 1995 cando fixen o primeiro con Chouteira. Parece que se fecha un círculo e tamén se abre outro nesta vía marítima do Cantábrico que tanto reivindico como espazo de relacionamento cultural e social. Contenta tamén por facer un disco desde casa no estudio de Pierre, Ty Awel de Castropol en complemento con Abrigueiro de Friol.

—Que camiños a trouxeron a este punto da súa carreira?

—Creo que como dicía Foucault, 'que o real e verídico sexa o propio relato de cada quen'. Por iso impliquei o meu mapa emocional, as circunstancias da miña vida na creación integral do Segmento Cantábrico. Todo foi para a pota deste caldo, pócima. Sen esquecer que a arte pegada ao óso axuda saudabelmente a vivir cada día. Aproveitei todo, o caos, a alegría, ideas de amizades profundas, gostos sonoros da miña filla Lua, estampas sonoras da aldea, a nosa formación musical e histórica coas músicas do mundo. E contextualicei tanto o deseño entre o amor pola xeoloxía, a necesidade de mover os marcos territoriais a favor da comunidade, as leituras de antropoloxía e filosofia. O que é o poemario que vai adxunto ao disco, chamado Atalaia Norte expreme o meu sentimento e amor cara este territorio de entrambasaguas, e este río Eo que abraza e non separa. Actualmente a miña travesía vai desde a Mariña á Bretagne, espazos con casa familiar, a miña propia en Asturias e as constantes visitas a Euskadi. Todas as vivencias están aí.

—Que dificultades tivo no proceso creativo?

—As propias dunha familia que vive na diversidade funcional. Cómo xestionar os tempos, as forzas e os estados de ánimo. Para iso tivemos apoio da Fundación Edes, que é un privilexio e unha sorte que temos nesta contorna a nivel de coidados e profesionalidade ante a discapacidade. Contamos con amigos próximos que nos axudaron a ter máis tempo en estudio. A propia productora Nordesia sustentou e arrimou para a realización e comunicación do proxecto. E por outro lado, eu levo varios anos fóra da «industria musical» como tal. Entón as formas e formatos cambiaron moito. Céntrome na miña intuición e non me deixo levar polas modas, busco o meu centro todo o que podo e desde aí respiro e lanzo. A pandemia axudoume a esto, a ir a min máis, navegar por aguas internas e tanto Pierre coma min compuxemos bastante no primeiro confinamento. Isto foi material a empregar no Segmento Cantábrico.

"Céntrome na miña intuición e non me deixo levar polas modas, busco o meu centro todo o que podo e desde aí respiro e lanzo"

—O seu espírito, di, é de experimentación constante. Que novas vías creativas se lle van abrindo?

—Si, a miña esencia penso que é experimentar. Medrar en cada acto artístico. Non teño moito afan de repetición, senón de variación; é esta a clave educacional da aprendizaxe de calquera. Novos retos, novos relacionamentos son precisos para recoñecerse e ver cantas caras temos. Para min é fundamental a conectividade de ideas e persoas. E como os acontecementos se conforman a través dela. As pezas encaixan e unha cousa leva a outra. Cando me chamaron para sustituir a Omara Portuondo nun concerto en Francia co famoso do jazz David Murray, lembro que un bo amigo me dixera ‘se Omara pode ti tamén, total todos somos igual de monos’. Aceptar a aventura como as medras. Non teño mais nova vía que seguir esta singradura do Segmento, quero levar a mensaxe do poder antergo e actual do eixo cantábrico alomenos de Ferrol a Bretagne, dicilo ben alto, ben forte a toda tribo, clan, familia, aldea. Desde adolescente quedoume grabado aquel mapa «dos pobos de Europa», pois na idiosincrasia de cada un deles vexo que podemos ir a flote ainda.

—Agora tamén suma nome propio: A Pedreira. Por que o cambio?

—Desde que nacín tiven cambios de nome dado por un outro-a. Meu pai bautizoume como María Eugenia. Un profesor de reintegracionismo do instituto de Foz como Ugia (sen tilde e con pronunciación «g» como «x»), os compañeiros do liceo seguiron chamándome así. Na época que comecei o oficio da música en docencia, xiras e discos comezaron a chamarme Pedreira ou Pedre. Total que aí me sentei. Tantas canteiras e pedras na nosa paisaxe e microtoponimia! Onde nacen as pedras. Gostei. Hai muitas Uxías no mundo da arte galega, e tamén levo anos dando lugar a equivocacións de persoa e nome. Equivocacións afortunadas porque todas as Uxías que coñezo son femias maravillosas ás que admiro.

—Como foi de especial o concerto inicial de xira en Ribadeo?

—Normalmente preséntase disco en grandes cidades, e no eixo atlántico galego. A autopista Coruña-Vigo marca e a min xa me manca. Era preciso facelo no lugar de orixen. Unha honra a todas as persoas que viven o proceso con nós, como no caso dos bailaríns do videoclip Mares Sucados feito en diferentes localizacións da nosa comarca. Era preciso mostrarllo primeiro á veciñanza. Senón non tería sentido toda a filosofia do Segmento. En Ribadeo houbo berros de amor, camelias e calas cairon no escenario, lágrimas, risos anchos e irónicos. Sentímonos amados, comprendidos e protexidos. Moitas grazas ao público que veu, tambén quen colleu e veu desde Ferrol, Santiago, Avilés...

—Dentro da xira de presentación do disco, que concertos quedan?

—É agora que se está realizando a axenda. Seguimos na Universidade de Victoria-Gasteiz o 24 deste mes. O venres 17 venta e firma de discos no Albergue Mar e Montaña da Veiga. Ferrol está ás portas. E pouco a pouco imos fechando datas que poden seguir polas redes. Unhas veces coa equipa completa, outras soa coa guitarra e outras co productor Pierre. O Segmento ten varios formatos e todos eles levan o mesmo lema: a vía marítima do Cantábrico, ceremonia rupestre gremial mora na miña intelequia como salvación.