Sergio Cora, goleador do Xove FS: «Aínda é posible dar caza ao Lugo Sala e ascender directos»

A MARIÑA

XAIME RAMALLAL

O pivote de Covas lamenta as dúas derrotas iniciais que os separaron do líder de Terceira, pero aplaude o nivel excelso dos xovenses

19 feb 2022 . Actualizado a las 11:49 h.

O pichichi do Xove en Terceira División, Sergio Cora Piñón (Covas, Viveiro, 1994), autor de tres goles no 12-0 ao Noia B e de 21 en 20 xornadas de liga das que só perdeu unha, non se conforma con xogar a promoción. Quere o ascenso directo, e para iso o cadro de Quico Otero debe cazar ao poderoso Lugo Sala, que visita hoxe ao Praias de Barreiros (19.30). Os verdes tratarán de estirar a súa boa xeira de sete vitorias seguidas na cancha do Carballiño (17.30 horas).

—Sete vitorias seguidas, sen perder desde a segunda xornada... Cal é o segredo deste Xove?

—Segredo non hai ningún, só traballo. A verdade é que o equipo está nunha moi boa forma, competindo moi ben. Todo está saíndo moi pero que moi ben.

—Levan varias xornadas sen Manu Jiménez e a case tódolos partidos falta algún xogador máis, pero o rendemento non se resinte.

—Estamos sacando adiante todos os partidos, dan igual as circunstancias. É certo que temos xogadores con máis nome, pero aquí todo o mundo aporta e iso fai que nos sobrepoñamos ás baixas. Tanto a xente máis nova como os máis veteranos estamos entendéndonos e axudando en tódolos aspectos posibles.

—Resulta difícil non pensar no ascenso, pero só hai unha praza directa. Cre posible pillar ao Lugo Sala?

—Lévannos seis puntos. Eu teño a esperanza de que pinchen algún partido, quizais o do Vilalba, e nós iremos alí a intentar gañar. Xa en Xove fixemos un partidazo contra eles e ao final empatamos. Eu penso que aínda é posible darlles caza e ascender directos. Se temos que xogar a promoción, iremos con todas as gañas e a ilusión, pero nun partido coa motivación a tope pode pasar de todo.

—Motiva verse á altura de xogadores como Antonio Diz, Iago Rodríguez e Miguel, que hai pouco estaban en Primeira?

—Para min si. É unha motivación persoal saber que estás aguantando o seu ritmo.

PEPA LOSADA

—Seguro que agora lembran as dúas derrotas coas que comezaron o curso...

—Pois si, eu acórdome moito deses dous partidos, porque de non ser por eles estaríamos igualados co Lugo Sala. Nunha liga tan competida esas dúas derrotas supoñen un lastre moi importante. Somos tres equipos que o estamos gañando case todo, porque o Vilalba tamén está por diante nosa se gaña o partido que aprazou.

—Por que lles custou tanto arrincar?

—Non o sei. Fixemos unha boa pretempada, chegábamos ben, aínda que faltou algún xogador importante como Santi. Quizais pecamos de confiarnos por vir de Segunda B, pero eses golpes fixéronnos máis fortes.

—Leva 21 goles e está entre os mellores realizadores de Terceira. É a súa mellor tempada?

—Síntome moi ben, igual que todos estes anos no Xove. Estou feliz no club e na vida e iso nótase. Quizais ao vir de Segunda B marque goles con máis facilidade, pero síntome nun nivel similar aos últimos anos.

—Chegou a xogar en Segunda co Burela. Ten a ilusión de volver a probar sorte na elite?

—É algo no que non penso a día de hoxe. Teño a conciencia tranquila, son feliz no meu traballo e no fútbol sala. No Xove trátanme moi ben en todos os aspectos.