Ramón Ares: «A maior incidencia e o maior número de casos covid da provincia está na Mariña»

La Voz BURELA / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

O xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte fai balance da situación epidemiolóxica pola pandemia do covid

19 ene 2022 . Actualizado a las 18:54 h.

O xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte, Ramón Ares, analizou este martes a situación epidemiolóxica en relación coa pandemia da covid na que se atopa a provincia. «Atópase nun momento de estabilización observando algún día unha diminución no número de casos activos, e outros días pequenos incrementos con respecto á situación do día anterior. O que si estamos é nunha situación, por así dicilo, de meseta ou lixeiramente descendendo e non cos incrementos tan altos ou tan explosivos como tivemos nas semanas anteriores», destacou. Logo engadiu que neste intre «a maior incidencia concéntrase na Mariña, e a zona de Monforte ou a zona sur é a que ten unha menor incidencia e onde se está observando unha maior diminución no número de casos». «Temos que observar —engadiu— que hai un mes ou mes e medio a situación era á inversa. A zona que primeiro creceu e que tivo máis casos foi a de Monforte, onde parece que agora están diminuíndo, e observamos un incremento maior na Mariña, que daquela era a que tiña un menor número de casos e unha incidencia menor». «Na zona do distrito do HULA tamén temos estabilizado o número de casos», agregou.

En canto á presión hospitalaria, o xerente do Sergas na provincia lucense manifestou: «Está estabilizada despois dun incremento de casos hospitalizados a finais da semana pasada. O que si vemos é que a día de hoxe diminuíron o número de hospitalizados. A día de hoxe [por onte], temos 49 casos nos tres hospitais fóra das unidades de críticos, en hospitalización estándar». En detalle abundou que o hospital mariñán «está sobre nove, dez casos; o hospital de Monforte ten cinco casos e o resto ata os 35 casos están ingresados no Hospital Universitario Lucus Augusti», indicou. Ares sinalou que nas unidades de críticos hai cinco casos. «Deles maioritariamente son persoas que estaban sen vacinar», asegurou.

Do 14 ó 16% positivos nas PCR

Sinalou que a porcentaxe de positivos das PCR están en torno a un 14-15 dependendo do día 16%, e nos test de antíxenos en torno a un 11-12 % de positividade.

O Sergas fai na provincia de 800 a 1.100 PCR ó día «axustándose ós protocolos»

Aparte das PCR que o Sergas impulsa desde o principio da pandemia, Ramón Ares sinalou que neste momento se están empregando numerosos test de antíxenos. «De forma importante están incorporados en Atención Primaria e en Urxencias para unha detección máis rápida da infección», explicou. A continuación precisou que con esta nova ola, dominada pola variante Omicrom, estanse diagnosticando moitos positivos «cos auto test que cada un fai no seu domicilio». «E así temos que dicir que coas PCR axustámonos ós protocolos que hai en cada momento, neste hai un que define os casos nos que as hai que facer. Estamos facendo entre 800 e 1.100 ó día axustándonos ós protocolos e os grupos de risco», sinalou.