Dor da alma

Estíbaliz Veiga OPINIÓN

A MARIÑA

17 ene 2022 . Actualizado a las 13:07 h.

Ninguén de nós nace sabido, ninguén cun manual de instrucións da vida. Estamos e seguimos de cheo na pandemia por coroavirus pero é agora cando comezamos a ver as gravísimas consecuencias da chamada «pandemia silenciosa», outra, que vén dada, en gran parte, por estes tempos duros e convulsos. En moitos casos non diagnosticados, xa a vemos vir de moi atrás. As causas? As infancias carentes dos piares fundamentais, de abusos e acosos, da discriminación por sexo ou posición social... e tantas outras «torturas silenciadas».

Debido a tráxicos desenlances, a influencias e influencers que se «atreven» a confesar as súas historias no IG e máis, nos últimos días vimos oíndo falar moito das «enfermidades mentais», tamén mal chamadas «dos nervios ou da cabeza». Eu medrei nun entorno no cal padecer unha delas era case coma cometer un delito, a xente falaba delas en voz baixa e acompañándoo da onomatopea «shhhhh», (silencio). Fun nena nunha aldea nos 90, na cal ter unha depresión, ansiedade, dependencia ou trastorno psicolóxico (entre outras), era vergoña. Desde hai máis de dez son eu a que padece ansiedade. Fago deporte, terapia EMDR, non cometo exceso na alimentación, coido a miña mente uníndoa a un corpo sá e aínda así, son víctima dela.

Tardei moito e poder falalo abertamente, xa que sabía a ciencia certa que podería resultar incómodo e estigmático no meu traballo e na miña labor como coidadora, no seu momento, dos meus avós dependentes, enfermos de Párkinson asociado a unha depresión crónica e Alzhéimer combinado con ansiedade. Ter ansiedade era ser considerada unha «histérica» sen capacidade de autocontrol nunha sociedade na cal a muller debe ser sumisa e obedecer sen rechistar aos que «gobernan» a súa vida. Na miña, por circunstancias, houbo moit@s que se atreveron a opinar e incluso a xulgar, aínda a día de hoxe.