O rapeiro de Viveiro XMaseda arrasa co tema «Paparrexo», dedicado a seu avó

Lucía Rey
Lucía Rey VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

XMaseda65

Nas súas primeiras horas en Youtube superou as 3.300 visualizacións

06 ene 2022 . Actualizado a las 17:52 h.

«Escribo isto porque quero que o escoites antes de irte, teño medo de que facelo poda preocuparte aínda que en 18 anos nunca te vin triste. A positividade era a túa forma de coidarme, de coidarnos, de coidarte. Ir pola vida cun sorriso sen importar o problema que estivera diante. Como cando me dixeches que iso do cáncer eran só uns bultiños que terían que quitarche, que o resto seguiría como antes. Pero joder, pasa o tempo e nada é coma ante. O sábado pasado non podías nin levantarte sen que viñera papá para axudarche. Non hai cousa máis triste na vida e desesperante que ver como alguén que queres perde luz ata apagarse». Estas estrofas supoñen só o potente arranque de «Paparrexo», o tema co que o rapeiro Xosé Maseda Calvo (Viveiro, 2002) rende unha sentida homenaxe ó seu avó, José Maseda Gómez, mais coñecido como Paparrexo ou Pepe de Maseda, e que faleceu de cancro na Noiteboa do 2020. A forza e o impacto da canción, así como das imaxes gravadas no porto do Barqueiro, vila natal do home, misturadas con algunhas fotografías nas que aparecen xuntos avó e neto, é tal que, durante as doce primeiras horas nas que estivo colgado na canle de Youtube de Xosé (XMaseda65) superou ampliamente as 3.300 visualizacións.

«Intentei desfrutar de ti todo o posible, ata que chegara o momento. E o momento chegou. Chegou o 24 de decembro. Todo foi moi rápido e á vez moi lento. Pasáronme pola cabeza un millón de momentos que quero inmortalizar para que non mos joda o tempo. Pero o tempo jode todo», continúa Maseda, que xa no 2020 acadou un éxito importante cando publicou o tema Memorias dun adolescente, que tamén logrou miles de visualizacións en pouco tempo.

Estudante de Filoloxía Galega

Foi daquela cando este viveirense que actualmente ten 19 anos e estuda a carreira Filoloxía Galega na Universidade de Santiago de Compostela logrou a nota media máis alta, un 9,9, de segundo de Bacharelato no IES Vilar Ponte de Viveiro tras cursar Ciencias Puras. «Compaxino ben todo, porque me gusta aproveitar o tempo ao máximo cando teño a fortaleza psicolóxica necesaria. Sempre intento buscar un anaco para facer algo de deporte e gústame ir ao ximnasio tres veces á semana, aínda que desde o confinamento non vou. E en canto ao estudo, se estou na casa cinco horas mirando para a parede prefiro ir tres á biblioteca e que me quede tempo libre para facer outras cousas. Gústame moito quedar cos amigos, e practicamente todos os sábados quedo con eles de noite. Dáme tempo a todo», revelaba entón un rapaz que se coñeceu o mundo do rap social en galego ó descubrir á banda Dios ke te crew.

«Sempre escoitaba rap en castelán, pero miñas irmás sempre poñían música no coche e sendo pequeno unha vez puxeron unha canción de Dios ke te crew, un grupo galego. Flipei! Na miña mente de neno pequeno só escoitara o galego na casa, na TVG e na escola ás veces, e quedei flipando con que se podía facer rap en galego», contou daquela.