—Os gandeiros din que se senten culpabilizados nese senso, ao ter que demostrar que houbo un ataque, coma se fosen posibles defraudadores.
—Nós consideramos que hai que axudarlles, porque viven nunhas condicións difíciles e cun sistema de explotación que ten unha supervivencia complexa.
Os gandeiros: «A besta desbroza o monte e manteno limpo, e non hai substituto»
A mancomunidade de San Andrés de Boimente (Viveiro) ten 39 propietarios, que acumulan uns 300 cabalos salvaxes e arredor de 250 vacas en 1.002 hectáreas dos montes de Buio, na serra do Xistral. Carlos Martínez e o presidente Antonio Yáñez lideran os comuneiros, que nas últimas décadas non observaron unha mingua significativa das cabezas de gando, «pero si desde hai uns 40 ou 50 anos. Perdéronse moitísimas bestas», indica este último.
Yáñez resalta a importancia das bestas, malia non ofrecer un retorno económico importante. «É fundamental, para nós porque aforra moito desbroce, pero tamén para a conservación do monte, porque sen cabalos vaise todo a toxo. Onde non hai gando cabalar non hai queiroga, iso é así», salienta.
«A xente non entende o sistema do cabalo galego. É quen cultiva o terreo, porque desbroza. E non hai substituto. Din que a madeira dá diñeiro, pero se dese o suficiente os montes estarían moito máis limpos. Se as bestas se acaban isto queda a lume vivo», argumenta Miguel Otero, que pertence á agrupación Laxamoura, de Xove. O colectivo reúne a 42 comuneiros e unha cabana gandeira de 160 cabalos de monte, nunhas 350 hectáreas.
«Igual que na agricultura fas unha rotación de cultivos, aquí é importante andar rotando, porque o alimento que deixa a vaca vaino pacer o cabalo. É unha forma sostible de ter o monte coidado». É a explicación de Christian Pérez, de Santo Tomé, no Valadouro.
«Na nosa comunidade teremos máis menos as mesmas bestas que hai 30 ou 40 anos, pero no que é fóra, vivindo libremente no monte comunal, pasarían dunhas 500 ou 600 a 20 e pico», sostén Otero, e lamenta que «hoxe case ninguén vive da gandería e tiramos só porque nos gusta».
O relevo xeracional é complicado, pero aínda hai sinais para a esperanza. Pérez ten 26 anos e continúa a tradición familiar. Yáñez ten confianza en que «sete ou oito pícaros do colexio que veñen con nós» leven máis alá no tempo o sistema tradicional.
Os tres besteiros coinciden en que o principal problema para a supervivencia do cabalo do monte son os ataques do lobo, tanto pola perda de animais como pola dificultade de cobrar compensacións, ao ter que identificar os restos. Otero, que no 2020 perdeu a causa do depredador 18 poldros, asegura que tivo que ‘mudarse’ a outros terreos en Barreiros. «As crías que teño en Xove pápaas todas. Hai bestas que abordan da tensión», remarca. Pérez apunta que os mastíns «só protexen grupos pequenos» e que «os cabalos do monte non os podes resgardar de noite».