David Mariño, presidente do comité de Vestas: «Hai interés, pero non sabemos cal é o compromiso da empresa coa venda»

A MARIÑA

David Mariño, á esquerda, nunha protesta do persoal de Vestas
David Mariño, á esquerda, nunha protesta do persoal de Vestas PEPA LOSADA

Os traballadores viven con nerviosismo esta conta atrás ata o 31-D

12 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois dunha longa loita que comezou o pasado 21 de setembro, cando Vestas anunciou que pechaba a fábrica de Chavín, os traballadores da multinacional danesa en Viveiro afrontan semanas clave no conflito laboral. A compañía teima en pechar a fábrica o 31 de decembro malia o interese de fondos de investimento que esixen para mercar que a factoría siga en marcha. David Mariño, o presidente do comité, analiza a situación na conta atrás para unha solución.

—Que empresas están interesadas na planta de Viveiro?

—Non sabemos os nomes, porque Xunta e Vestas aludiron a que é polo de agora algo confidencial. A empresa fala de catro firmas que solicitaron información, unha das cales sería do sector inmobiliario de montaxes e as outras tres do noso, da enerxía eólica. Por parte do Goberno autonómico trouxéronse á mesa industrial tres fondos de investimento interesados na unidade produtiva. O que queren é mercar a fábrica con todo o persoal funcionando e cunha produción en marcha, así que de parar xa non habería interese. Queren asinar cun plan produtivo: continuar a producir os produtos de Vestas durante un tempo fixado.

—Cal foi a resposta de Vestas?

—Un non rotundo. Di que non se vai seguir producindo para axudar a estes fondos de investimento nin por ningún outro motivo. Mantén a data de peche, o 31 de decembro. Eles xustifican o ERE en que non se pode continuar coa produción aquí en España. De abrirse a facelo, deixarían en evidencia o propio despedimento colectivo.

—Pensa que o interese exposto na mesa contradi os motivos do ERE?

—Desde logo a mesa demostra que hai interese. Vestas admite que as empresas das que fala puxéronse en contacto coa firma, non é que fosen buscalas. O que non sabemos é se ten interese en vender, un compromiso verdadeiro. Non sabemos nin as cantidades nin os requisitos que pediría para un traspaso, non está claro se quere darlle unha saída digna ao persoal e aforrar un problema xudicial ou continuar cos seus plans.

—Dado que o interese dos fondos de investimento está condicionado a que a produción siga, os tres sindicatos (UGT, CIG e CC OO) pedíronlle a Vestas por escrito negociar unha prórroga. Tiveron resposta?

—Enviámola o venres, ao día seguinte da mesa. Estamos á espera. Non prorrogar a produción sería desaproveitar unha oportunidade.

—Vestas comprometeuse a falar cos fondos de investimento propostos pola Xunta. Informounos a empresa dalgunha reunión ou data para un encontro?

—Non temos ningunha información de Vestas ao respecto.

—Imaxino que, pola confidencialidade á que se acollen Xunta e Vestas, tampouco teñen por agora posibilidade de manter una reunión directa para coñecer os plans dos interesados.

—Sería o lóxico, pero como di, non tivemos opción ningunha.

—Que lle piden ás Administracións?

—Ás Administracións pedímoslles que usen todos os mecanismos administrativos para manter o emprego e a produción na Mariña. E temos présa, porque se nos despiden as cousas cambiarían moito, iso complicaríao todo.

—Por iso, volverán á rúa.

—Por suposto. Non temos un calendario fixado pero farémolo nos próximos días. Probablemente intensificaremos a presión ao ámbito das institucións.

—Recibiron algunha carta de despedimento desde que o período de consultas do ERE acabou sen acordo?

—Por agora non. Sendo Nadal, quedan realmente dúas semanas laborables ata o 31 de decembro e pensamos que nos próximos días poderiamos recibilas, pois é necesario un preaviso de 15 días.

—Como está o persoal?

—Pois atravesando un momento moi duro, nunha situación que desmoraliza, pero unido e mantendo moi ben a compostura.

A firma elude un acordo co persoal para adiar o peche e desliga o ERE dunha operación

Vestas insistiu onte na súa postura de desligar o ERE que ten planeado acometer a partir do 31 de decembro na fábrica de Chavín, dun posible proceso de venda da factoría. Consultadas ao respecto da petición dos traballadores de negociar unha prórroga da produción máis alá de final de ano -dado que os potenciais compradores da planta esixen que estea operativa para mercala-, fontes da multinacional danesa cinguen calquera negociación co persoal a un período de consultas «que ya está terminado, cumpliendo con los plazos legales, y que fue impugnado por los representantes de la plantilla».

Polo tanto, Vestas dá por pechada a vía para un acordo de prórroga produtiva cos operarios, á espera da decisión dos tribunais sobre o despedimento colectivo.

Sobre posibles reunións cos fondos de investimento interesados en Vestas Viveiro, a compañía danesa non concreta data de xuntanzas, alegando «no tener constancia» de que ningunha empresa amosase polo momento «un interés firme» en adquirir a factoría viveirense.

Malia que a Xunta concretou que os fondos de investimento interesados esixen que a factoría estea en funcionamento, a multinacional mantén a previsión de peche a 31 de decembro mentres defende que segue a buscar compradores -a través dunha consultora especializada-, o que fará ata finais de 2022. «La venta y el ERE son dos procesos paralelos e independientes entre sí», esgrime Vestas.