A Mariña dá un mel de cinco estrelas: O Poder das Flores

RAMÓN GONZÁLEZ REY ALFOZ / LA VOZ

A MARIÑA

Premiada como mellor monofloral de castiñeiro para os apicultores galegos

28 nov 2021 . Actualizado a las 23:44 h.

Como un recoñecemento á Mariña. Así se toma o alfocense Javier Carreiras Cuadrado, que dirixe a marca O Poder das Flores, o premio ‘Mel 5 Estrelas’ que recibiu pola mellor mostra de monofloral de castiñeiro. Se o Val do Ouro é recoñecido a nivel galego como unha potencia meleira, a Asociación Galega de Apicultores vén de recoñecer unha produción que obtivo dun colmear na Pontenova.

O Poder das Flores foi recoñecido nos International Honey Awards de Londres, e tamén como o mellor mel multifloral de Galicia no 2020, no certame que impulsan a Consellería de Medio Rural e a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), pero este premio ten un sabor especial, porque abre unha porta a outra zona con potencial.

«Que tamén sexa recoñecido o mel da Pontenova é tamén moi importante e agardamos que lle poida dar visibilidade», indica Carreiras, casado cunha pontenovesa. «Uns amigos deixáronnos desinteresadamente un terreo alá na Fraga das Reigadas, que é un dos montes atlánticos mellor conservados de Europa, unha delicia. Probamos hai un par de anos a poñer un asentamento e saíu este mel, que xa foi premiado como o terceiro mellor de España», relata.

A tirada deste mel monofloral de castiñeiro é limitada, con algo máis de 100 quilos, e véndese integramente «no noso formato estrela, en botes de 400 gramos, que é o que máis se vende con diferenza». Ao igual que acontece cos perfumes, o mel delicatessen vén en envase pequeno.

Carreiras explica que a colleita foi «tirando a baixa» no tocante á cantidade, polas chuvias da primavera. «Tivemos que traballar bastante nas colmeas, porque a floración do castiñeiro, en xuño e xullo, ocorreu máis tardiamente. Tes un período só dunhas tres semanas para quitar este mel e deu que facer, pero finalmente tivo moita calidade», remarca.

Carreiras aprendeu as tarefas do mel de seu pai e de súa nai. Durante vinte anos viviu en Barcelona, e hai catro quixo aproveitar os terreos que lle legaran os avós. «Probamos con dez colmeas, e a proba-erro: saíron cousas ben, e outras mal. Tentamos tecnificarnos na medida do posible e tamén investir», explica.

E sobre todo formarse nunha cultura que no Val do Ouro e en Galicia conta con mestres recoñecidos e descoñecidos: «con humildade aprendes de calquera apicultor», salienta. Un saber, ademais, que está en constante evolución: «co cambio climático tes que adaptarte», indica. O resultado está aí.

Iago Fernández, terceiro no certame de multifloral, e Iván Marrube, no de queiroga

O Poder das Flores non foi o único mel da Mariña premiado pola Asociación Galega de Apicultores. No concurso de multifloral, Iago Fernández Pena, do Valadouro (Mel do Val), obtivo o terceiro premio, por detrás de Josefa Durán, de Monfero (A Coruña) e de Javier Roo, de Beariz (Ourense).

No caso do certame de queiroga, Iván Marrube Rodríguez, de Alfoz, propietario da marca Ouro Puro, obtivo a terceira praza do concurso, que gañou José Luis Pérez (Lugo), con Andrés Pérez, de Cedeira, no segundo posto.

No tocante ao monofloral de silva, as cinco estrelas foron para David Souto, de Verín, mentres que Iván González, de Monforte, e Diana Iglesias Laso, de Baltar (Ourense), completaron os premiados.

Amable Pérez, de Muíños (Ourense) foi o gañador do concurso de mel de bosque, con Xabier Sotelo, da Pobra de Trives, no segundo lugar e Miguel Morales, de Allariz, no terceiro.

Levará un selo identificativo como o gañador de 2021 e promocionarase en toda Galicia

Os meles premiados en primeiro posto de cada categoría no certame ‘Mel 5 estrelas’ recibirán un selo identificativo co mesmo nome, que os distinguirá como os mellores da colleita 2021.

Ademais, a Asociación Galega de Apicultura comprará un lote de 1.200 euros, que destinará á súa promoción nas feiras e eventos apícolas que se realizan durante o ano por toda Galicia.

Un total de 63 mostras -20 de multifloral e 43 de monoflorais- presentáronse ao concurso.