Suscríbete 1 año y te regalamos 140 días gratis
Quiero la oferta

No Día da Fiolosofía: Filosofía si!

Manuel Yáñez Dablanca PROFESOR DE FILOSOFÍA

A MARIÑA

18 nov 2021 . Actualizado a las 16:39 h.

Defender a estas alturas a Filosofía pode parecer a moitos unha tarefa innobre e incluso ignominiosa. Defendela como elemento educativo prioritario, fundamental e esencial, supón xa enfrontarse a toda unha sociedade que marcha por sendeiros moi distintos, e que garda demasiadas similitudes con aquela que condenou a Sócrates á morte. Neste caso faremos, unha vez máis, unha fuxida cara adiante e defenderemos e argumentaremos en pro da Filosofía como a Ciencia das Ciencias, como unha materia primordial no desenvolvemento e na procura da madurez intelectual do noso alumnado.

Visto o resultado das revisións que sobre o cambio lexislativo na educación dispón a política estatal, de nada valen os informes elaborados pola UNESCO recollendo a situación do ensino da Filosofía por todas as nacións do mundo, e as resolucións de 2002 (e moitos previos anteriores) coas recomendacións sobre a súa inclusión e estudo, cando outros intereses se entremeten e desvirtúan o verdadeiro cometido da escola.

Lembremos que a ONU, a través da UNESCO, alenta aos seus estados membros a traballar na promoción, no fortalecemento e na extensión da filosofía en todos os niveis do ensino, porque a sociedade democrática, formada por unha pluralidade diversa de persoas e comunidades, proxectos e intereses, demanda un pensamento racional que axude a comprender o mundo complexo que nos rodea e proporcione instrumentos para edificar unha sociedade libre, igual e xusta. A UNESCO considera que a materia de Filosofía, o saber máis antigo de Europa, é a ferramenta idónea que debe servir a este fin. A Filosofía forma unha cidadanía reflexiva, lúcida, participativa, amante das institucións democráticas e con habilidades prácticas na resolución dos problemas específicos das sociedades democráticas avanzadas...