«A Altri e a Navigator sóbralles de saber que aquí está a maior reserva de eucalipto de Europa»

María Cuadrado Fernández
M. CUADRADO VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

O presidente de Promagal, Ramón Reimunde, cre que proxectos como o de Altri xerarían competencia: «A madeira vai ser gran fonte de riqueza»

14 oct 2021 . Actualizado a las 14:37 h.

Minutos despois de que o presidente da Xunta manifestara este mércores que «o Goberno galego, a través da súa representación na sociedade Impulsa proporá que, si é viable, a fábrica de fibras textís, se emprace na provincia de Lugo», o presidente de Promagal, Ramón Reimunde, defendía, unha vez máis, o potencial forestal da Mariña lucense e tamén do Ortegal, entre outras comarcas das provincias lucense e coruñesa.

Tralas novas que daban conta en días pasados de que A Mariña lucense figura como a primeira opción da multinacional papeleira lusa Altri para instalar a súa planta de produción de fibras textís de orixe forestal, e tras falar con colaboradores e directivos de Promagal, Reimunde amósase prudente, pero non esconde a esperanza de que calle un proxecto que aproveite ao máximo o potencial forestal e outras infraestruturas (portos, tren...) vinculado á oportunidade dos fondos europeos Next Generation.

«A Altri e a Navigator (The Navigator Company) sóbralles de saber que aquí está a maior reserva de eucalipto de Europa. Hai tal cantidade de produción e os montes son tan bos! Se agora, en comarcas de Lugo e A Coruña se cortan seis millóns de toneladas de eucalipto ao ano, tendo medios poderíanse cortar ata dez!», sentencia o voceiro dun colectivo que agrupa a asociacións de produtores forestais do Norte galego.

Desde o punto de vista dos propietarios e das asociacións forestais, mira o proxecto con optimismo. «A madeira vai ser unha gran fonte de riqueza. Para o propietario forestal é positivo porque se establece máis competencia, máis opcións de venda. Ao estar a propiedade do monte en mans de moitos donos, se sobe o prezo da materia prima e se melloran as condicións, é bo para todos. Se o monte é rendible non se abandonaría tanto. Se o monte fose produtivo, a xente teríao mellor coidado e dotado con máis infraestruturas. E isto non beneficiaría só aos propietarios, senón ao resto dos implicados nesta cadea, transportistas e demais».

Consciente de que nen os montes nen os portos mariñanos e de Ortegal son novos para os exportadores portugueses, o presidente vélle posibilidade de futuro ao proxecto no que Altri sería, pola información divulgada, o socio industrial: «Pode ser un pouco utopía, pero non distopía. Difícil, pero realizable. Temos a produción forestal e, pola nosa climatoloxía, temos un monte menos afectado polos incendios. O que non ten sentido é ter esta inmensa produción de madeira e non darlle saída. Eles buscan ter un hinterland, ter moita materia prima de calidade próxima, transporte, servizos ...».

Sobre a ubicación, Ramón Reimunde anímase a aventurar posibles localizacións para unha futura planta tendo en conta a demanda de variedade de eucalipto. «Véxolle posibilidades de que o proxecto se leve a cabo nalgún punto de Lugo», indica, aínda que puntualiza que si optan por eucalipto nitens, «teñen máis opcións no interior», pero «si optan polo globulus e tamén polo nitens, teñen que virse para A Mariña ou Ortegal». Moi vinculado ao sector tamén como propietario, Reimunde confía en que o gran desenvolvemento forestal na comarca esixa da aposta por outras infraestruturas: «Algún día imos ter na Mariña un gran porto comercial, incluso desde o que enviar a China».