ALTRI, bem vinda á Mariña!

Adrián Piñón

A MARIÑA

10 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai uns días, Altri, empresa portuguesa dedicada á fabricación de pasta de papel, enerxía e a xestión forestal, enviaba un comunicado á Comissão do Mercado de Valores Mobiliários, anunciando a firma dun memorando de entendemento co consorcio galego Impulsa Galicia, formado pola Xunta, Abanca, Reganosa e Sogama para a construción dunha fábrica de fibras téxtiles sostibles, para converter nese produto os recursos forestais -principalmente eucalipto- dos nosos montes mesturado con prendas recicladas. Así mesmo, as fontes consultadas polo xornal La Voz de Galicia, recalcaban que estaba buscando o emprazamento axeitado, e que este dependería de criterios técnicos, tendo en conta condicionantes operativos, como a facilidade de acceso ao recurso forestal e a dispoñibilidade de solo.

Pois ben, existe unha zona de Galicia, na que se dan as principais condicións que busca esta empresa, ademais de estar afectada por un desmantelamento industrial que mitigaría a instalación desta fábrica, pero vaiamos por partes. A Mariña ten a maior reserva europea de eucalipto, principal materia prima desta industria; ten un porto en completo desuso con terreos propiedade da autoridade portuaria nun vergoñento estado de abandono, que serían un gran emprazamentos para esta industria, e goza de liña do ferrocarril a menos de 2 quilómetros de dito emprazamento, cabe dicir, que esta infraestrutura tamén está en completo estado de abandono por parte das autoridades. Tamén é salientable que a comarca mariñá conta con abundantes recursos de auga tan necesarios nesta industria e con infraestruturas a estes efectos xa construídas, polo que a nosa comarca sería un lugar ideal para o emprazamento desta industria.

Por outro lado, está a crise industrial que está a vivir a comarca, con Alcoa e Vestas á cabeza, pero con moitos outros exemplos (Costiña, Muebles Hermida e un largo etcétera), fai que os tan publicitados plans industriais dos que fala a clase política deste país para a comarca -pero que ninguén viu- puideran converterse nun mínimo de realidade impulsando a implantación industrial na comarca, que por outro lado sería de gran lóxica económica ao dispor esta terra de todos os recursos necesarios para esta industria, fomentando a economía circular e mitigando a crise de emprego que se está a xerar pola desindustrialización da Mariña. Por todo o dito, dende o Foro Económico da Mariña, desexamos que dita industria se instale na comarca e agardamos que non se antepoñan os intereses duns poucos ós da Mariña, como se está a facer con outras infraestruturas, moi necesarias e que viven manifestacións incoherentes cara a súa implantación.

* Adrián Piñón Domínguez, secretario do Foro Económico da Mariña.